“Unha diferenza sobre o procedemento non pode adiar permanentemente as primarias"

Iván Puentes encabeza o proxecto Novo socialismo galego. Aínda que asegura non ter decidido se se candidatará ás eleccións primarias no PSdeG recoñece que botaron a andar colectivamente esta iniciativa perante a "necesidade de democratizar" o partido.

Iván Puentes
photo_camera Iván Puentes

Iván Puentes foi alcalde de Fene e actualmente é a cabeza máis visíbel do proxecto 'Novo socialismo galego'. Após o acordo entre Ferraz e O Pino --que adía a consulta á militancia até o mes de setembro-- critica que "unha diferenza de procedementos" estea a servir de "coartada" para retrasar a celebración do Congreso nacional do que sairá a nova Secretaría xeral d@s socialistas de Galiza. El propio apunta que para daquela terán pasado "11 meses" desde o "dramático retroceso electoral" nas eleccións á Xunta de Galiza. Unha queda de apoios que entende se debe a que o PSdeG "está desaparecido" e a "decisións" adoptadas "pola dirección do partido" que mesmo eran "difíciles de entender" para a propia militancia. 

Finalmente non haberá consulta á militancia até setembro. Como valora o acordo entre Ferraz e o PsdeG?

Estamos á espectativa de ver como se concreta finalmente. O acordo que adoptou o Comité nacional debe ser ratificado polo Comité federal do PSOE en xullo. Estamos espectantes por ver que pasa nese Comité federal e desexando que desta volta, por fin, despois de adialo tres veces, que sexa a definitiva e que o PsdeG en setembro poida realizar ese Congreso extraordinario e renovar o seu proxecto político mediante o procedemento que reclama a militancia do PsdeG que son as eleccións primarias. 

Ese tirapuxa entre Madrid e O Pino está a retrasar unha demanda da militancia que reclama maiores cotas de decisión. Como valoran as bases ese confronto?
Os militantes o que non entenden ou o que non entendemos é que unha discusión de procedementos estea a servir sistematicamente para adiar indefinidamente a necesaria realización do Congreso nacional. Cando cheguemos ao mes de setembro levarán decorridos11 meses desde as eleccións e de que o PsdeG-PSOE experimentase ese dramático retroceso electoral. 11 meses agardando para adoptar no seo do partido as decisións que correspondan a ese novo tempo político. Creo que non se entende que esta diverxencia no procedemento sirva de coartada. En todo caso é unha pena que isto non se tivese resolto no último Congreso federal, o de Sevilla, onde si se debateu unha emenda para incorporar as primarias aos estatutos malia que foi rexeitada mesmo por delegadas e delegados de Galiza. 

"Todos os militantes están convencidos da necesidade de democratizar máis o PSOE"

Cre que se modificarán finalmente os estatutos para incorporar de maneira ordinaria as primarias?
A executiva federal así o manifestou publicamente. Dixo que habería dous procesos, primeiro esta discusión no Comité federal e despois a modificación de estatutos na Conferencia política do partido a realizar no mes de outubro e, a partir de aí, comezar a elixir os secretarios xerais a través dun procedemento de eleccións primarias. Se Galiza o fai e cumpre a data do mes de setembro debería aprobarse unha excepción para Galiza antes de se modificaren os estatutos. Non sei cando será o que si estou certo é de que eses estatutos se modificarán. Pois hoxe a demanda de primarias é un sentimento amplamente maioritario. Todos os militantes están convencidos da necesidade de democratizar máis o PSOE, de que a militancia teña moita máis capacidade de decisión. As primarias, nese senso, son un destes elementos, mais é certo que non é o único. Precisamos un partido moito máis moderno, adaptado aos tempos en que a sociedade está pedindo cada vez máis democracia. 

Lidera vostede o movemento 'Novo socialismo galego'. Pensa presentar formalmente a súa candidatura á Secretaría Xeral do PsdeG?
Haberá que o ver. Non é que xa teñamos unha decisión adoptada e non a queiramos dicir. Para nada. É por unha cuestión de coherencia. Defendemos que o novo PSOE como eixo fundamental da esquerda deste país, como partido de referencia, pasa por ese maior protagonismo e capacidade de decisión da militancia. De nada serviría que dixeramos isto e comezaramos ese camiño facendo o de sempre. 

"A solución pasa por construír ese novo proxecto e iso só configurándomos liderados colectivos, na direccón mais tamén nas localidades"

Ten falado da necesidade de se xeraren liderados colectivos, colexiados...
O PSdeG foi sempre un partido de colectivos, de grupo, de traballadores... fronte á dereita que é un partido de elites. Nos últimos tempos isto tense desvirtuado, practicamente en todos os partidos políticos. Creo, sinceramente, que o problema do PSOE é un problema de liderado. Mais só nunha parte. Hai que mudar líderes e caras mais tamén a maneira de funcionar. Iso non se fai cunha soa persoa cambiándoa porque estea queimada. A solución pasa por construír ese novo proxecto e iso só se consegue configurándomos liderados colectivos, na direción mais tamén nas localidades. 

Que propón 'Novo socialismo galego' para este Congreso quer no eido ideolóxico, quer no orgánico?
Politicamente o PSOE ten unha asignatura pendente que é a de ser alternativa ao Partido Popular. Creo que os cidadáns non nos viron como tal nas últimas eleccións. Non viron no PSOE a solución aos problemas do día a día. Precisamos un proxecto político que crea no público, en medidas diferentes con outras solucións para a crise. Que crea no poder das administracións para solucionar os problemas do día a día...Neste senso ese novo socialismo para nós ten que ter dous eixos básicos. Dunha banda o galeguismo pois ten que incorporar ao seu día a día ese sentimento --evidentemente de pertenza ao Estado español-- mais tamén de identificación con Galiza. Doutra a esquerda.

"Nos últimos tempos creo que a dirección do partido tense afastado da ideoloxía dos seus militantes"

O PSOE apoiou reformas que afectan directamente á cidadanía como a reforma das pensións. A reforma laboral ou da lei de caixas. Ideoloxicamente hai que reposicionar o PSdeG?

O PSOE non ten que facerse máis de esquerdas. A súa militancia é clarisimamente de esquerdas e non precisa reposicionarse. Teñen clara a súa ideoloxía. Nos últimos tempos creo que a dirección do partido tense afastado da ideoloxía deses militantes e teñen adoptado decisión que evidentemente foron difíciles de comprender non só para a sociedade senón para os propios militantes que non entenderon que estaba a facer o PSOE. 

Comentarios