"Teredes os votos, pero non tedes vergoña". Centos de persoas concéntranse fronte o Parlamento na toma de posesión de Feijóo


Soportando chuvia e un impresionante desplegue policial, helicópero incluído, centos de persoas se concentraron fronte o Parlamento galego para lembrarlle a Feijóo na súa toma de posesión como presidente a súa responsabilidade no calote das preferentes, na destrución de postos de traballo ou na depauperación dos servizos públicos
preferentes
photo_camera preferentes

Afectad@s polo calote das preferentes mais tamén de colectivos de desafiuzad@s, moz@s en defensa do ensino público, traballadores afectados por EREs na súa empresa, despedidas de Agader... Numerosas persoas concentráronse fronte o Parlamento de Galiza xa unha hora antes de que dese comezo a toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Vixiados por un importante número de policías (mesmo un helicóptero sobrevoaba a zona), os e as concentradas desafiaron chuvia e frío para lembrarlle a Feijóo a súa responsabilidade na situación do país. O paso dos ciches oficiais eran recibidos con apupos e asubíos. E a presenza de deputad@s do PP provocou que unha das manifestantes lles espetara "teredes os votos, pero non tedes vergoña". A frase que resumía o sentir dos e das presentes.

Os e as concentradas non perderon folgos nin un minuto. Mesmo cando estaba a transcurrir dentro do Parlamento o acto de toma de posesión, seguían coas reivindicacións. E dentro da Cámara autonómica chegaba o son das bocinas e asubíos, cun son munguado, mais perceptíbeis. 

"Que faga algo, home"

 Entre os e as presentes, había quen tiña tempo, como Marica, de Pontevedra, de preguntar se nestes catro anos "Feijóo fará algo, porque nos outros catro nada de nada. Nin un dedo moveu polos que non teñen traballo nin polos que o teñen. Nin polas persoas aos que os bancos nos roubaron os cartos". Unha amiga, Luisa, retrucoulle que "non é que non fixera nada, é que desfixo" e puxo como exemplo a sanidade.

Mais tamén houbo quen lembrou que Feijóo tivera nestas eleccións pasadas máis deputados con menos votos, quen cargou contra os políticos en xeral e quen preguntaba se Beiras "estaría aí (en referencia ao interior do Parlamento), porque me faría ilusión velo", pasando quen botaba man do laio de que "os galegos, como sempre, a votar por quen máis malla en nós".

Novos e máis novos

Na protesta había desde rapaces e rapazas de Galiza Nova até xubilados. Xente procedente de diversas comarcas do país (os estafados do Morrazo polas preferentes, entre os máis ruidosos), unida polo desexo de que Feijóo neste día tivese claro que o seud eber como presidente de Galiza "é traballar polo pobo galego. Saberá o que é iso?", como reflexionaba Suso, de Compostela.

Comentarios