martes 21.01.2020

'Que non nos rouben o tren': campaña do BNG perante os recortes ferroviarios do PP

Impulsada polo BNG, a iniciativa denuncia uns recortes que veñen de supor a perda de 50 trens semanais e peche de 22 estacións. Aliás, reclama as competencias plenas para a constitución dunha compañía ferroviaria galega.

tren
tren

O tren como un servizo público e sustentábel é un instrumento imprescindíbel para vertebrar e comunicar Galiza. Por iso, calquera recorte ou supresión de servizos e estacións nunha xa de por si minguada rede, supón un duro golpe ao país. Partindo desta premisa, O BNG anunciou o inicio dunha campaña nacional, baixo o nome de Que non nos rouben o tren.

"Queremos facer unha enmenda á totalidade aos recortes do PP, tamén no tema ferroviario"

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a deputada no Congreso Rosana Fernández e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez foron os encargados de presentar a campaña. “Trátase dunha emenda á totalidade á política de recortes do PP”, explicou Vence, que enmarcou os recortes no tren, nunha política “pensada exclusivamente para axustar as cifras do orzamento público ao servizo do rescate bancario, que conduce a un progresivo deterioro dos servizos fundamentais para o desenvolvemento económico do país”.

Improvisación, centralismo e desestruturación

Segundo afirmou, esta política ferroviaria do PP vai provocar unha “profunda desestruturación do territorio galego”. “A incongruencia máis absoluta é que un billete de tren Alvia da Coruña a Madrid sexa máis barato que outro da Coruña a Ourense”, puxo como exemplo, “reflexo dunha política ferroviaria concibida cunha lóxica centralista e madrileña por parte do Ministerio de Fomento e de Renfe”.

"Apolítica ferroviaria de Fomento está concebida cunha lóxica centralista"

Pola súa parte, a deputada Rosana Pérez lembrou que o BNG leva máis de 20 anos na defensa do servizo de ferrocarril en Galiza.. Anunciou que na vindeira semana Congreso español e Parlamento autonómico debatirán dúas iniciativas para que o Goberno do Estado dea marcha atrás neste plan de recortes ferroviarios e que dialogue cos sectores afectados, organizacións políticas e Xunta de Galiza para iniciar o traspaso de competencias en material de ferrocarril.

Os alcaldes caladiños do PP

Severino Rodríguez, alcalde de Monforte, unha das cidades emblemáticas historicamente polos seus servizos ferroviarios, incidiu na necesidade de mellorar as liñas ferroviarias, vitais para mellorar o desenvolvemento económico e social do interior de Galiza.. “A Xunta e os alcaldes do PP permanecen calados ante a supresión de liñas e de paradas de tren anunciadas por Renfe e por Fomento” afirmou o rexedor nacionalista.


 


 


 

comentarios