Pilar Rojo fai un chamamento ao "consenso" no acto de apertura da Cámara

A IX lexislatura ficou esta terza oficialmente iniciada após o acto solemne de apertura. O rigoroso protocolo obriga a que se desenvolvan múltiples escollas antes de que o curso político arrinque. Neste senso, a que será máis unha lexislatura presidenta da Cámara, Pilar Rojo pronunciou o discurso que cada catro anos precede á inauguración de máis un período de sesións.
Pilar Rojo
photo_camera Pilar Rojo

"Desexo que esta solemne sesión de apertura se converta nun acaído punto de partida para os traballos que nos agardan", aseveraba Rojo na súa intervención. Cun ton conciliador mais firme na defensa do máxima institución galega, a re-eleita presidenta salientou --ao igual que fixera após a votación da mesa parlamentar-- os alicerces que deben servir de guieiro durante os vindeiros catro anos. "A capacidade de diálogo e o espírito de consenso" foron defendidos pola deputada popular no seu discurso, así como a necesidade de que @s representantes polític@s pulen, dixo, por "unha Galiza aberta, plural e solidaria".

Porén, Pilar Rojo quixo salientar na súa intervención "a austeridade como un dos eixos básicos do noso labor", aseverou, e continuar co "plan de axuste e aforro" que o seu partido iniciou desde o goberno a pasada lexislatura. O Parlamento viu minguados os seus recursos verbo do programa de racionalización dos gastos implementado desde a Xunta de Galiza. Así as cousas, o presidente do executivo, Alberto Núñez Feijóo, xa avanzou no seu discurso de investidura que continuaría adiante coas reformas institucionais previstas que, de novo, afectarán á Cámara. Neste senso, Núñez Feijóo asegurou que ao longo desta lexislatura o grupo parlamentar popular recuncaría na idea de reducir o número de deputad@s que compoñen o Parlamento. No entanto, Pilar Rojo centrou a súa intervención na necesidade de que a Cámara se dote dunha maior "eficiencia" --malia os recortes-- e que pule por unha "cultura organizativa de mellora permanente e sensible á innovación", para o que asegurou que traballaría cara a unha "administración electrónica".

"A austeridade ten que continuar como un dos eixos básicos do noso labor"

A crise das institucións
A existencia dunha crecente desafección entre a cidadanía cos poderes públicos están a poñer as institucións como o Parlamento, mais tamén á actividade política en xeral-- a proba. Neste senso, Pilar Rojo puxo en valor no seu discurso o papel da Cámara "como canle privilexiada de reivindicación cidadá" e asegurou que será "o exemplo de cada un de nós" o que permita "re-estabelecer a confianza pública nunha conduta limpa, leal, seria e rigorosa". A presidenta parlamentar, mesmo empregou as verbas da deputada española, Clara Campoamor para subliñar que "a Cámara é un dos mellores medios" para exercer "a liberdade" e arengou @s representantes polític@s a exercer "un diálogo democrático" e construtivo durante o período de sesións que se abre.

"Facer avanzar o Parlamento fará progresar a democracia" aseverou Pilar Rojo durante o discurso no que dixo apostar por unha Cámara "austera, eficiente, sostíbel" mais tamén "transparente" e "comprometida", malia as eivas que moitos dos grupos se atoparon no anterior período de sesións para desenvolver de facto a súa tarefa como vehículo de transmisión dos intereses e necesidades da cidadanía, como por exemplo, a imposibilidade de se debateren Iniciativas Lexislativas Populares que demandaban un cambio de rumbo nas políticas económicas do goberno galego e o mantemento de servizos públicos como a sanidade ou educación.

Comentarios