"Para que queren vostedes nacionalizar Barreras?", di Feijóo após vender o estaleiro a unha estatal mexicana

O presidente da Xunta gábase de ter entregado o estaleiro vigués ao capital foráneo mentres acusa á empresa naval de "non ter capacidade nin para presentar un aval". Francisco Jorquera denunciou que a Xunta de Galiza estea a "vender por parcelas" unha Galiza, din, cada vez "máis dependente" do capital estranxeiro

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

En resposta á pregunta formulada en sesión parlamentar polo portavoz do BNG, Alberto Núñez Feijóo xustificou a venda de Barreras á petroleira mexicana pola incapacidade do estaleiro para conseguir por si propia carga de traballo. 

Acusado de "vender por parcelas" Galiza perante a desindustrialización do país e a entrada de capital foráneo no tecido empresarial galego, o líder do executivo gabouse de que Galiza sexa unha economía de enclave, embora --lembroulle o portavoz nacionalista-- "a experiencia demostre" que "a riqueza" se xera onde se "sitúa a matriz" e non "na periferia". 

Jorquera a Feijóo: "Desde que vosté é presidente, somos máis dependentes do exterior"

Malia todo, o presidente da Xunta loubou a súa xestión económica e gabouse de que a maior parte das empresas que fican na Galiza sexan estranxeiras. Citroën (francesa), Alcoa (estadounidense), Nestlé (suíza), Vestas Wind (danesa)... en troca Francisco Jorquera acusou o líder popular de actuar "como cabalo de Troia" para beneficiar a entrada de capital estranxeiro na economía galega, favorecendo un proceso "de deconstrución". A desaparición de boa parte do tecido industrial galego deixa o país nunha situación complexa "e cada vez máis dependente" dos intereses económicos das transnacionais. 

"Actúa vostede como un broker" espetou o nacionalista en relación á venda do estaleiro vigués Barreras a unha filial da mexicana Pemex. "Non quere investir en Navantia mais non lle importa vender Barreras ao capital mexicano", denunciou o voceiro do Bloque. 

Pachi Vázquez acusou a Núñez Feijóo de "ocultar a realidade" e os "elementos chave da súa xestión económica" mentres "dá leccións a Rajo" desde "Madrid ou Barcelona"

Francisco Jorquera aproveitou a ocasión para lle ler a Núñez Feijóo a información publicada pola imprensa mexicana en que se daba conta das intencións da petroleira en relación coa compra da empresa galega. Pemex, cumpre lembrar, tenciona transferir a tecnoloxía de Barreras aos seus esteleiros a México e mesmo non desbota o traslado das instalacións fabrís, hoxe en Vigo, a terras aztecas.

Para Núñez Feijóo, a entrada de capital foráneo na Galiza é síntoma dunha boa xestión económica que fai atractiva a economía galega para as transnacionais. "Oxalá veña máis investimento estranxeiro a Galiza", aseverou Núñez Feijóo, mentres acusou o BNG de non "posuír un modelo económico homologábel a ningún país de Europa" por defenderen @s nacionalistas que sexa un sector financeiro propio o que manteña vivo o tecido industrial e empresarial endóxeno. 

Comentarios