"O PP puxo en marcha un recorte en programas sociais que fai medrar as desigualdades"

Hai 25.000 persoas con dereito á prestación por dependencia que non están a percibila. Trátase de familias que atenden a persoas dependentes, que alén de se veren afectadas polo copago farmacéutico, a redución do transporte sanitario, a carestía do material ortoprotésico e a suba do IVE.

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Luísa Bouza, insistiu na obriga do Goberno galego a pór en marcha algunha medida que compense o deterioro de ingresos e servizos destinados ás persoas maiores dependentes: "hai menos servizos, máis listas de espera para prestacións e menos axudas económicas". Por estas razóns, proclamou que se lle reclame ao goberno do Estado o 50% do custe da dependencia, considerando que existe inxerencia nas competencias autonómicas.

En decembro de 2011, o goberno de Rajoy anunciou a suspensión durante un ano da incorporación de novas persoas beneficiarias da Lei de dependencia, mais no 2012, esta atención está a padecer "un grave deterioro", que "pode ser corrixido con decisións políticas diferentes".

"O PP puxo en marcha un recorte en programas sociais que fai medrar as desigualdades", afirmou a deputada. Afirmou que os novos recortes suporán a eliminación da subvención para a cota da Seguridade Social das coidadoras, "en Galiza máis de 15.000". As propias traballadoras de atención no fogar denunciaron "traballar a marchas forzadas" ao fin de deixaren atendidas as persoas, porque a redución horaria impídelles "unha atención digna".

A deputada tamén se referiu ao teito de gasto financeiro para Galiza aprobado recentemente, só cos votos dos populares, no Parlamento galego: "un recorte adicional de 691 millóns de euros" a respecto do teito de gasto do ano 2012, o que equivale a "un recorte do 75% do orzamento consolidado da Consellería de Traballo e Benestar".

Comentarios