"O edil de Obras enchía na oficina do PP do Concello solicitudes de subvencións para asociacións"

O funcionario do Concello de Santiago Manuel Vilariño denunciará a toda a equipa de Goberno (PP) por acoso laboral e inxurias

photo_camera Manuel Vilariño [Imaxe: SG]


"O edil de Obras enchía na oficina do PP do Concello solicitudes de subvencións para asociacións".

Así o denunciou o funcionario do Concello de Santiago Manuel Vilariño nunha entrevista que Sermos Galiza publicou no seu semanario en papel número 38, que chegou aos puntos de venda na sexta feira 8 de marzo. 

Xa daquela adiantou a súa intención de poñer en coñecemento dos tribunais a situación discriminatoria de que foi obxecto por parte do Goberno local e, nomeadamente, do concelleiro de Obras, Juan de la Fuente. Esta terza feira, o representante do sindicato CIG no Concello compostelán, Xavier Picón, informou de que Vilariño demandará por inxurias e acoso a toda a equipa que encabeza Ángel Currás. 

O PP purga funcionari@s "molestos"

Traballador do Concello desde hai trinta anos, cando o PP gañou as municipais e puxo un pé en Raxoi fixo purga de funcionari@s por razóns políticas. Son seis @s que fican apartadas das súas funcións "porque lle resultamos incómodos", dixo Vilariño, vinculado a área de Participación cidadá malia estar traballando na UMAD (Unidade de atención á drogodependencia). Pola súa experiencia nesa área e varios anos vinculado ás asociacións veciñais, estas acudían a el para revisar as solicitudes de subvencións. 

"Cadrou que unhas cantas, acho que sobre cinco, estaban escritas da mesma man, alegaban as mesmas actividades realizadas e nos anexos que estaban cubertos había erros graves que impedían continuar co procedemento". 

"Cando lles preguntei quen llelas fixera, dixeron que fora Juan de la Fuente na súa oficina do PP do Concello de Santiago. Paréceme dunha gravidade manifesta", explicou Vilariño, quen negou "rotundamente" as acusacións vertidas contra el acusándoo de ter filtrado unha relación de facturas falsas con que as asociacións veciñais próximas ao PP xustificaban as subvencións.

Apartado das súas funcións por se presentar nas listas do BNG

A situación discriminatoria en que se viu o funcionario, mudando de posto de traballo en varias ocasións e sendo cominado a non abrir locais como a Casa das Asociacións a colectivos próximos ao nacionalismo, derivan da súa participación en política, presentándose nas listas do BNG "cinco veces seguidas, aínda que nunca en postos de saída".

Por este motivo e segundo explicou o sindicalista Picón, Vilariño foi o albo de "acusacións moi serias en contra da súa profesionalidade" realizadas por membr@s da equipa de goberno local, chegando Juan de la Fuente a ameazalo, segundo denunciou. 

Que a Fiscalía investigue a quen se lle pagaban as subvencións

Os informes que Vilariño foi presentando no rexistro municipal dando conta periodicamente da súa situación e as facturas falsas motivaron unha investigación en que "botamos en falta as referencias ao acoso laboral" do funcionario. Ao entender de Xavier Picón, as conclusións tiradas demostran que existen as facturas falsas e un delito de suplantación de identidade.

Pide á Fiscalía que investigue quen xestiona a conta onde foi abonada a subvención da asociación de veciñ@s de Vidán, pois o seu presidente compareceu perante a comisión e dixo que non a solicitara. A comunicación da subvención fíxose ao correo electrónico do concelleiro Juan de la Fuente.

Comentarios