“O BNG é o dique de contención contra a inxustiza e os recortes de Feijóo”

Ao tosteiro aguantaron até cantar o himno. Un sol atorrador non conseguiu vencer a militancia do BNG, máis entregada do que nunca na conmemoración do Día da Patria Galega. A praza da Quintana abarrotouse no primeiro 25 de xullo de Francisco Jorquera como candidato á Xunta. “A casa común dos nacionalistas”, como definiu Jorquera o BNG, ten nas autonómicas o seu próximo reto.

O sol xa queimaba cando a manifestación saíu da Ferradura detrás da faixa portada pola executiva na que se lía “Rescata os teus dereitos. En Bloque, podemos!” . A lenda era a resposta da dirección da organización nacionalista á pregunta que pairaba no ambiente, mais cumpría agardar á Quintana, o simbólico espazo-medida que cada ano sente o pulso da política nacionalista para confirmar que o BNG enchía con máis vigorosidade que o pasado ano. Case ninguén abandoou a histórica praza até ter rematado o himno, e o enlousado de pedra non se deixou ver antes das dúas da tarde, cando a manifestación chegaba a súa fin. Arredor de 20.000, calcúlase, camiñaron da Ferradura á Quintana, a paso rápido, o imprimido para non abafar de máis nunha das xornadas de maior temperatura do que vai de verán.

A valentía do BNG

Moitos ollos miraban para a Quintana, e iso sabíase nunha maninfestación que varias persoas participantes definirían con dous adxectivos “histórica” e “emocionante”. Con esa tensión emotiva comezou Francisco Jorquera o seu primeiro discurso do 25 de xullo, 34 anos despois de ter entrado por vez primeira na Quinana para saír “convertido nun militante nacionalista galego”.

Nunha “auténtica situación de emerxencia nacional”, dixo Jorquera, “Galiza necesita da valentía do BNG”. A referencia á organización puña inicio a un discurso apegado ao combate da crise, de denuncia da inxustiza social das políticas económicas do PP e defensa dunha alternativa de goberno nacionalista, insubmisa ao imperialismo e os oligopolios. “Detrás de cada recorte hai persoas que se incorporan ás colas do paro, hai persoas que teñen que acudir ao comedores sociais, hai mozos e mozas que teñen que emigrar. Detrás de cada recorte hai vellos que teñen que malvivir por non poder pagar os medicamentos” afirmou Jorquera para contrapor a “política valente” defendida polo BNG fronte á “covardía” de Feijóo.

Demisión de Feijóo e convocatoria de eleccións foi o que o Guillerme Vázquez demandou na Quintana. O portavoz nacionalista falou dunha “involución política sen precedentes” e da “urxencia de frear en seco esta política inxusta, inmoral e inútil”. “Ou nos plantamos fronte á UE, á especulación e estes gobernos ou haberá novos recortazos, máis pronto que tarde” anotou,despois de debullar os resultados dos seis meses de goberno de Rajoy: sumisión á UE, saqueo do pobo para cebar á Banca, recentralización e ataques aos dereitos e liberdades.

Defensa da política

Diante dos discursos que buscan “demonizar” a política, Jorquera apostou por defendela como “compromiso coa sociedade, como vontade de servir ao pobo galego. É o momento de participar en política”, apuntou sinalando como reto as vindeiras eleccións autonómicas. Contra a centralización do poder e a concentración da riqueza, a aposta dun BNG no goberno conduciríase cara á insumisión cos recortes e a converter o goberno galego nun “dique fronte ás desigualdades, un dique fronte á inxustiza, un dique fronte á perda de democracia”. As propostas nacionalistas pasan así, segundo destacou, pola soberanía fiscal e financieira, unha "soberanía real".

“O PP, marea negra, chapapote tóxico, recorta dereitos, recorta liberdades usando como pretexto a crise” dixo Vázquez no seu discurso, arredor dunha involución que convidou a vencer con “rebelión, insubmisión, mobilización”. Democracia, gobernos para o pobo, soberanía para Galiza e autogoberno real son os obxectivos dun BNG que defende o dereito de autodeterminación e rexeita o imperialismo, conceptos repetidos tanto por Guillerme Vázquez como por Francisco Jorquera.

O BNG mostrábase así como unha organización sólida, con resistencia á embites duros como a propia calor do día, e un discurso apegado á defensa dos dereitos sociais e nacionais, da autodeterminación e a xustiza social sen por iso desbotar a súa condición de alternativa de goberno.

“Somos máis ca eles”

Como na convención nacional de San Lázaro, o BNG convidou a Carme, César, Isabel, Miguel, Manuela, Luciano e Pilar a subir ao palco, persoas que padecen a dura situación económica pero que teñen folgos para denunciala e tirar para adiante na defensa dos seus dereitos. “O seu empeño en destruirnos fai medrar a nosa loita” dixo Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, xusto antes de que subiran ao palco.

“Galiza encabeza o ranquing estatal dos ERES” sinalou Isabel, afectada polo expediente de regulación de emprego de Mafeco. “Nós temos que loitar coas nosas forzas e somos máis ca eles” defendeu o comerciante de Compostela, César Lago, referíndose ao pequeno comercio que está a sofrer as ventaxas que o PP lle está a dar ás grandes superficie,  comparanza que se podería aplicar á clase traballadora e ao capital, ás persoas que están a padecer os recortes e ás que se están a beneficiar da crise. A mestra Manuela Castaño afirmou que as persoas con emprego público veñen de perder un 26% de poder adquisitivo. “Cando nos atacan tamén o fan á sanidade e ao ensino público, os nosos dereitos sociais”, anotou. “Adiante labregos, en Bloque podemos” berrou Pilar Vispo ao denunciar o peche de 25.000 explotacións leiteiras na Galiza.

As persoas que se situaron á sombra do muro de San Paio máis que xuntas semellaban abrazadas. Fuxir da calor era tarefa inútil pero, xusto antes de comezar as intervencións a praza estaba a reventar, con milleiros que aguantaron con estoicidade un sol imposíbel e deron carta de seguro á lenda que inauguraba a manifestación: en Bloque podían encher a Quintana e aguantar sen desfalecer para mostrar a forza da organización.

Remataba co himno a que un dos asistentes chamou “o miragre da Quintana”, conseguir que a praza se mantivese ateigada ate o remate, cando as agullas do reloxo da Berenguela xa atravesaran as dúas da tarde e o sol petaba a pleno, cunha forza que só atura unha militancia sólida e entusiasmada.


NOTA: A crónica de ambiente e o video da mobilización, premendo aquí

Comentarios