martes 04/08/20

"O veto da policía foi unha anécdota, o relevante é que temos o mesmo tren que hai un século"

Falamos con Secundino García, alcalde de San Sadurniño. Vetado no acto de conmemoración dos 100 anos da chegada do tren a Ferrol a policía española mesmo lle preguntou “de que partido é” para lle denegaren o acceso ao recinto.

Secundino García, alcalde de San Sadurniño
Secundino García, alcalde de San Sadurniño

De non ocorrer o acontecido deseguro que moitos medios de comunicación non terían falado da manifestación que percorreu as rúas de Ferrol o pasado domingo. Mais o certo é que o enfrontamento entre Secundino García –alcalde de San Sadurniño-- e a policía española tampouco ocupou moitas páxinas. A imprensa “do sistema” como el propio describe estaba alí para “reproducir” o que o poder lles ordena.

En conversa con Sermos Galiza, este rexedor do BNG salienta que o incidente é “a anécdota” dun protesto que exixía para Ferrolterra “un tren mellor” e para Galiza “competencias” para deseñar “un ferrocarril en función das necesidades” da cidadanía. 

Como comezou o enfrontamento coa policía?
O altercado é a anécdota do que aconteceu o domingo. Un exemplo da tomadura de pelo que nos están a facer. Conmemorábase o centenario da chegada do tren a Ferrol mais non é menos certo que o tren é o mesmo que hai 100 anos. Perante iso, e o que consideramos desde a Plataforma en defensa dos camiños de ferro en Ferrolterra, cremos que o acto de conmemoración resultou un exceso obsceno, un gasto innecesario. Crimos que era desproporcionado todo o que tiñan pensado facer –inicialmente prevían a visita da ministra de Fomento e do presidente da Xunta-- sobre todo cando de Ferrol a Coruña é unha odisea viaxar. Por iso organizamos un acto de protesta no que queriamos, nin máis nin menos, facerlle chegar as demandas da cidadanía aos responsábeis de Renfe, Adif e o Ministerio de Fomento. Mais a nosa sorpresa foi que en troca de aceptar como normal que nunha sociedade democrática haxa xente que tente reivindicar o que é xusto, o que fixeron foi un abuso de poder. A min como alcalde impedíronme entrar na estación. Bloqueáronnos á entrada. Embora identificarme como alcalde, as forzas de orde pública impedíronme o paso porque si... Non sei que perigo vían en que eu entrase. 

"En troca de aceptar como normal que nunha sociedade democrática haxa xente que tente reivindicar o que é xusto o que fixeron foi un abuso de poder"

No acto había máis alcaldes que foran convidados...
Si. Os do PP estaban todos alí. Mesmo foron de Ferrol a Betanzos en tren con todo o seu gasto correspondente. Puxeron cinco placas! Unha cousa desproporcionada para o que se pretendía conmemorar. Non digo que non haxa que facer nada en homenaxe á chegada do tren a Ferrol mais, iso non quita que foi un exceso. Realmente a sociedade de Ferrol e comarca vivimos absolutamente illados... 

Que argumentaron para lle impedir o paso?
Ningún. [ri]. Mesmo me preguntou o policía de que partido era. O que me faltaba tamén! Ao final iso o que fai é quentar os ánimos e provocar a xente que ali estabamos. Non quero culpar con isto tampouco ao funcionario mais ás veces son excesivamente rigorosos no cumprimento das ordes. Ensineille o carné de identidade e identifiqueime como alcalde. Nin así me deixaron pasar cando outros representantes si estaban accedendo. Á deputada do PSOE [Beatriz Sestayo] non lle pediron acreditación de ningún tipo. Pasou Juan Fernández que é concelleiro dos Independentes por Ferrol, tampouco lle pediron nada. E dixémosllo ao axente. Mais nada, non había maneira...

"Non querian que nada saíse do guión para que non tivesen que recollelo os medios de comunicación do sistema"

Cre que se lle estaba a impedir o acceso por ser militante do Bloque?
Eles o que querían era que nada se lles saise do guión para que non tivesen que recollelo os medios de comunicación do sistema. Medios que o único que fan é reproducir o que eles lles din. Porque todos os que estaban alí ían aplaudir coas orellas. Non querían que un alcalde chegase e lles dixera “isto está moi ben, mais merecemos un tren mellor”. Querían que a festa fose completa, con aplausos para todo o mundo, como hai cen anos e isto non é así. Até suspenderon a visita da ministra e o presidente porque sospeitaban que podía haber protestas. 

En xuño, prevese, suprimirán as liñas de Ferrol....
Si, as que conectan con todo o país e, sobre todo, o FEVE entre Ferrol e Ribadeo [no tramo galego]. Están desmantelando totalmente o servizo...

Neste senso exixían un investimento digno para garantir o manetemento da infraestrutura...
Defendemos que Ferrol teña un trato igual ao que se lle dá a outras cidades galegas, embora tampouco teñan moito investimento. Mais sobre todo o que reivindicamos é que se transfiran as competencias de cercanías e que a propia Xunta de Galiza asuma como goberno galego a súa tarefa e deseñe un ferrocarril en función das necesidades de mobilidade da cidadanía. A xente que se despraza entre Ferrol e a Coruña gasta 8 euros na autoestrada todos os días. Iso non pode ser. O mesmo acontece con FEVE... Cando nos decatemos pasaranos un tren cada semana. Logo din que non se utiliza o tren! 

comentarios