"Nós decidimos, nin a Igrexa nin a Red Madre vai decidir por nós"

A deputada do BNG, Carme Adán, defendeu unha proposición non de lei a prol do dereito das mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo mentres o PP quixo recoñecer a aquelas persoas "que axudan ás mulleres a seguir co seu embarazo"

Carme Adán deixou claro esta cuarta feira cal era o cerne da súa intervención a través do lema que plasmou nunha camisola. "Nós decidimos" rezaba o slogan --berro de guerra en gaélico-- que a nacionalista abandeirou na Cámara galega. Adán recolleu na súa interpelación o testemuño de Pilar García Negro --ex-parlamentar do BNG-- que "hai 23 anos", explicou Adán, "defendeu na Cámara" a modificación da Lei do aborto de 1985 "facéndose eco da voz de 9 organizacións" feministas. 

A moción defendida pola nacionalista na sesión plenaria procuraba, como ela propia recoñeceu, que as bancadas do Partido Popular deixasen ver "que pensan realmente en relación ao dereito das mulleres" a decidiren sobre o seu corpo. Neste senso, a organización frontista exixiu o mantemento da lei 2/2010 de libre interrupción do embarazo, "que se garanta a súa aplicación en centros públicos", o cesamento da financiación pública a grupos relixiosos antiabortistas e a garantía de formación @s profesionais médic@s. 

Carme Adán defendeu unha PNL a prol do mantemento da Lei de prazos e da súa aplicación efectiva en centros públicos

O PP, que rexeitou a proposta presentada polo Bloque Nacionalista Galego, acusou @s nacionalistas de defenderen posicións "anacrónicas" e "ideolóxicas" que non respectan o dereito á vida. Carme Adán retrucou as afirmacións da voceira popular asegurando que "as mulleres" defenderon e "coidaron" a vida ao longo da historia; "ninguén as pode acusar de asasinas" --sentenciou-- fronte "as guerras e os xenocidios" que son, dixo, "produto do patriarcado". As bancadas do PP ferveron en apupos á deputada do Bloque á que mesmo acusaron de "sexista". 

O partido maioritario na Cámara recuncou na defensa do "estatuto ontolóxico do non nacido" e apelou á xurisprudencia do Tribunal Constitucional para apoiar o seu rexeitamento á lei de prazos da que din, non respondía "a unha demanda social". Mais o certo é que as institucións internacionais --a comezar polas Nacións Unidas-- chaman a garantir o dereito das mulleres a interromperen o seu embarazo en condicións de seguridade e evitar, asi, milleiros de mortes daquelas mulleres que se someten a un aborto en condicións non seguras. 

Unha concentración ás portas do Hórreo exixiu a paralización da reforma da Lei de prazos e defendeu o dereito a un "aborto libre e gratuíto"

Carme Adán lembrou á Cámara que a metade dos abortos practicados no mundo (arredor de 400 mil) son levados a cabo en condicións precarias, principalmente naqueles países onde a interrupción do embarazo está penalizada. De entre eles, o 17% remata coa morte da muller. 

"Nin a Igrexa, nin o PP nin a Red Madre vai decidir por nós"
Desde o BNG denunciaron que a Xunta de Galiza financie con fondos públicos organizacións ultrarrelixiosas que promoven a derrogación da lei do aborto. Amosando unha imaxe tomada dos valos publicitarios contratados por estas asociacións, Carme Adán exixiu que "nun Estado aconfesional" se deixe de financiar "a grupos relixiosos" e se impida que sexa "a Igrexa quen lexisle" sobre os corpos das mulleres. 

"Nós decidimos", sentencio a nacionalista, "nin a Igrexa nin a Red Madre van decidir por nós". 

Comentarios