"Haberá novos axustes, porque hai que reducir o gasto público á metade"

Alberto Núñez Feijóo aseguraba nunha entrevista concedida á Radio Galega que durante a lexislatura o seu goberno continuará coa aprobración de novos recortes á fin de cumprir co obxectivo de déficit exixido por Bruxelas e Madrid. Aliás, afirma que non dará "tregua" coa fusión de concellos e que a diminución do número de parlamentares proposta polo grupo parlamentar popular na pasada lexislatura é, neste novo curso político "un mandato das urnas".
Mariano Rajoy e Feijóo na Moncloa
photo_camera Mariano Rajoy e Feijóo na Moncloa

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, continúa a debullar algunhas das principais cuestións que marcarán a lexislatura, após iniciarse de maneira oficial a pasada terza feira. Nunha entrevista concedida á radio pública, Núñez Feijóo confirmaba con clareza que o seu novo mandato continuará a reducir o gasto público en beneficio do cumprimento dun novo obxectivo de déficit, situado no 0,7% do PIB. Estes novos recortes serán contemplados nos Orzamentos para 2013 que o presidente da Xunta pretende aprobar "o antes posíbel", aseverou no seu discurso de investidura, para o que solicitou habilitar o Parlamento, o mes de xaneiro.

"Non darei tregua coa fusión de Concellos"

Como alumno avantaxado de Mariano Rajoy, o líder do executivo galego asegurou durante toda a campaña electoral que era a suposta "solvencia de Galiza" o que lle permitía a este país seguir gobernándose por si propia e non "como outras", aseguraba o dos Peares, "que tiveron que recorrer ao Fondo de liquidez". Alberto Núñez Feijóo, asegurou que este novo goberno --cargado de caras coñecidas-- aprobará novos recortes e "novos axustes", afirmou, adiantando a que será máis un exercicio político guiado pola política de austeridade no económico e de reformas no político e institucional. Neste sentido, o presidente da Xunta asegura que "non darei tregua" na fusión de concellos, afirmou con rotundidade, entrementres aseguraba que na provincia de Ourense "a maioría dos concellos xa están planeando presentar solicitudes". Aliás, para Núñez Feijóo a reforma do mapa territorial galego supón un "movemento", dixo, "que non ten marcha atrás", malia as fortes críticas recibidas por parte dos grupos da oposición.

"Por que non poden as cidades extender o seu ámbito territorial e planear fusións cos concellos que conforman a súa área metropolitana?"

Porén, as intencións do presidente da Xunta non fican aí é teñen por obxecto extender as devanditas fusións ás grandes cidades galegas --Vigo e A Coruña-- cuxas áreas metropolitanas absorverían os concellos limítrofes, "por que non?" se preguntaba Núñez Feijóo. Asemade, a redución de parlamentares que fora proposta polo grupo popular na pasada lexislatura segue a ser unha das ideas forza que roldan a cabeza do presidente. No entanto, após o trunfo electoral, ao entender de Feijóo, esta medida constitúe agora, "un mandato das urnas".

O futuro de Alfonso Rueda
A decisión adoptada por Alberto Núñez Feijóo que converte a Alfonso Rueda en vice-presidente, segue a espertar o interese mediático. Neste sentido, o presidente foi preguntado por se está a preparar a súa sucesión no partido e mesmo como futuro candidato á presidencia da Xunta. O líder do executivo galego negou que o ascenso de Alfonso Rueda tivese nada a ver cunha posíbel sucesión e asegurou que non pensaba noutra cousa que non fose na "mellora da co-ordinación" entre a Xunta e o Parlamento cando decidiu crear de novo a Vice-presidencia. Asemade, afirmou non ter unha opinión formada a respecto de se Rueda e as direccións xerais e conselleir@s deixarán a súa acta como deputad@s. Porén, a pasada semana o vice-presidente da Xunta aseguraba que o seu desexo era continuar como parlamentar.

Comentarios