Feijóo: de Dr. Jekyll a Victor Lustig

BNG, AGE e PSdeG tildan de 'estafa' o discurso de investidura pronunciado esta terza feira por Alberto Núñez Feijóo. Para o voceiro parlamentar nacionalista, Francisco Jorquera, o candidato á presidencia da Xunta "compórtase como Dr. Jekyll e Mr. Hyde" entrementres para Xosé Manuel Beiras a sesión de investidura "insulta a intelixencia dos cidadáns" e mesmo podería ser comparada cos estudos de Víctor Klemperer sobre a manipulación da linguaxe durante o III Reich.
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Os grupos da oposición rexeitaron a maior no discurso de investidura desenvolvido esta terza na rúa do Hórreo. Dos tres grupos que compoñen a Cámara --a máis do PP-- ningún deles apoiou as verbas pronunciadas polo candidato á presidencia da Xunta e dá boa conta do que podería acontecer a vindeira quinta feira cando se produza a votación. BNG, AGE e PSdeG concordaron en que o discurso co que Alberto Núñez Feijóo se presenta candidato a liderar o executivo galego podería ser comparado con personaxes da literatura internacional, con afamados estafadores ou mesmo coa linguaxe tendenciosamente manipulada que se desenvolveu na Alemaña nazi.

Non conta o dos Peares con boa sona entre a oposición. Os catro anos do seu anterior mandato deixaron para a historia moitos incumprimentos e unha política baseada na austeridade que foi duramente criticada desde as bancadas da oposición. Neste senso, o discurso pronunciado por Feijóo esta terza foi comparado con diversas personaxes históricas coas que as demais forzas políticas quixeron describir os postulados do presidenciábel 'popular'.

Francisco Jorquera: "Feijóo compórtase como Dr. Jekyll e Mr. Hyde"
O voceiro nacionalista acusou a Alberto Núñez Feijóo de comportase como a famosa personaxe da literatura inglesa, escrita por Robert L. Stevenson. Segundo Jorquera o discurso do candidato á presidencia da Xunta foi "grandilocuente, autocomplaciente, sen sensibilidade social nin ambición nacional”, pois malia a intentar inicialmente facer ver que a súa preocupación eran os problemas da cidadanía evidenciou, para @s nacionalistas "a súa total e absoluta obsesión pola política da mal chamada austeridade, que só agrava estes problemas".
Aliás, Francisco Jorquera denunciou após a sesión de investidura que, ao igual que acontecera na anterior lexislatura "veu aquí a vender fume" pois, dixo, "naquel debate anunciou 135 plans, programas ou novas leis que todas se revelaron total e absolutamente inconcretas e inútiles para saír da crise”.

O BNG preguntará á Mesa do Parlamento por que a CRTVG non emitiu as intervencións da oposición

O grupo nacionalista denunciou, asemade, que a televisión pública "censurase" as intervencións dos partidos da oposición durante a retransmisión do pleno, “un feito sorprendente que contrasta co funcionamento habitual de calquera televisión pública en debates destas características”, aseguraron as deputadas Montse Prado e Ana Pontón. Aliás lamentaron que a CRTVG "siga mantendo unha liña de actuación que claramente está situada na ocultación da pluralidade" e continúe a se comportar como un "apéndice ao servizo do goberno".  

Xosé Manuel Beiras: "O discurso supera a miña capacidade de asombro"
O voceiro de AGE interviu perante os medios de comunicación "indignado" co discurso de investidura pronunciado por Alberto Núñez Feijóo do que dixo foi "un combinado de desprezo pola intelixencia, de desprezo polos cidadáns; de intentar venderlles caramelos tóxicos envolvidos en papelitos de cores para que a xente con menos capacidade de descifrar as cousas siga sendo embaucada". Neste senso, Beiras comparou as verbas pronunciadas polo presidente en funcións coa obra de Victor Klemperer, LTI (A lingua do terceiro Reich) en que o autor xudeu analizada a manipulación da linguaxe na Alemaña nazi, pois dixo, "Feijóo insulta a intelixencia dos cidadáns". Aliás, afirmou sentirse "conmovido" perante o que calificou como "absolutamente tráxico".

Abel Losada: "É como Victor Lusting que foi capaz de vender a Torre Eiffel dúas veces"
O portavoz do grupo parlamentar socilista considerou que ao igual que Lustig, o presidente en funcións "agochou que Galiza está hoxe peor que hai catro anos" e denunciou que co seu discurso de investidura tentara "encubrir un ataque fortísimo aos servizos públicos esenciais que non lles quere contar aos galegos e galegas”. Losada asegurou ter experimentado un déjà vu coa intervención de Núñez Feijóo en que achegou "moita retórica e ningunha solución". Aliás, retrucou ao Partido Popular por arrogárense a "paternidade política" da comisión de investigación sobre as caixas, dixo, "cando o PP rexeitou a solicitude dos socialistas hai mais de un ano".

Comentarios