Feijóo abónase ao continuísmo e mantén o modelo de goberno da anterior lexislatura

Continuísmo. Nos rostros e nas políticas. Eis a aposta de Núñez Feijóo para a nova lexislatura. O presidente mantén o goberno de oito consellarías ocupadas polas mesmas persoas que exerceron o cargo no anterior mandato popular, agás Javier Guerra, substituído por Francisco Conde. Outra novidade: haberá vicepresidencia, e será ocupada por Alfonso Rueda, nomeamento que xa se interpreta como a designación por Feijóo do seu delfín

Alberto Núñez Feijóo asinou este domingo, un día despois de tomar posesión como presidente da Xunta, o decreto da estrutura orgánica do novo goberno, así como os dos nomeamentos dos membros do executivo autonómico. Unha foto fixa case idéntica á feita en 2009, após gañar as súas primeiras eleccións. Feijóo opta polo continuísmo e mantén o mesmo número de consellarías (oito) e os mesmos rostros para ocuparen os postos. Unha novidade: Javier Guerra abandona a carteira de Economía e Industria, que pasa a mans de Francisco Conde, asesor de Feijóo.

Javier Guerra abandona a carteira de Economía e Industria, que pasa a mans de Francisco Conde, asesor de Feijóo.

E outra novidade: a designación dunha vicepresidencia, que recae en Alfonso Rueda, home forte da estrutura e fontanería do PP galego que na anterior lexislatura xa desenvolvera de facto ese cometido. O nomeamento oficial de Rueda como segundo de a bordo é interpretado como a designación dun delfín, para preparar o escenario de cara a catro anos, cando Feijóo podería dar o salto á política estatal.

Polo demáis, o executivo autonómico mantense tal cual o anterior mandato: mesmo Xesús Vázquez en Cultura e Educación, un nome que estaba na corda bamba após as sentenzas do TSXG botando abaixo o seu decreto de plurilingüismo, do cal a Xunta popular fixo o seu cabalo de batalla en materia de planificación lingüística.

Máis do mesmo

Agustín Hernández seguirá na ponte de mando da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Un departamento onde foi albo de non poucas críticas polas agresións ao medio ambiente. Rosa Quintana manterá a carteira de Mar e Medio Rural. A súa aposta pola piscicultura intensiva en detrimento da acuicultura tradicional (mexillón) e o abandono da baixura foron dous puntos moi criticados na carteira marítima. En Medio Rural aínda está vivo o conflito leiteiro, con acusacións de desleixo cara a esta consellaría.

Elena Muñoz segue á fronte de Facenda, Beatriz Mato de Traballo e Benestar e Rocío Mosquera de Sanidade. Os dous últimos ámbitos centraron boa parte da conflitividade social no anterior mandato. A destrución de emprego e do tecido de benestar nestes catro anos xerou mobilizacións e protestas. O desmantelamento da sanidade pública foi algo constatado mesmo polos colectivos de profesionais.

Comentarios