POLÍTICA

“En Bloque Podemos”. A Convención Nacional do BNG quere marcar o inicio da mudanza política na Galiza

Na cita do domingo no Palacio de Congresos, Compostela, @s protagonistas serán a militancia, as propostas e alternativas; e o candidato, Francisco Jorquera
Montserrat Prado, secretaria de organización
photo_camera Montserrat Prado, secretaria de organización

O BNG está confiado na capacidade da súa militancia e do conxunto da cidadanía da Galiza para tomar o leme do País e iniciar a mudanza política. E para marcar ese comezo de virada, os nacionalistas realizan a súa Convención Nacional. “En Bloque Podemos” é o lema con que o Bloque Nacionalista Galego vai desenvolver esa cita o vindeiro domingo 13 de Maio en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos, 12 horas)

A secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, afirmou que "En Bloque Podemos quer expresar con clareza que colectivamente somos todo e podemos cambiar todo. En Bloque Podemos conquistar a Soberanía, a Democracia e o Traballo”, dixo. "Os tres grandes protagonistas da Convención serán Francisco Jorquera como candidato, a militancia do BNG e as nosas propostas e alternativas". En Bloque Podemos tamén liderar o cambio político en Galiza, argumentou a secretaria de Organización.

“O cambio político hoxe é imprescindíbel e necesario. E ademais posíbel, máis posíbel que nunca. Ese cambio vaino liderar o BNG. Historicamente o avanzo do BNG sempre se ten traducido no retroceso do PP”, afirmou Prado, convencida de que a Convención vai mostrar a “fortaleza” e a “cohesión” do BNG neste novo tempo político.

"Jorquera non tira a toalla, Feijóo si"

Montse Prado referiuse a Jorquera como un candidato “serio” e “solvente”, unha persoa que a diferenza de Feijóo “non tira a toalla” e ten afouteza para se enfrontar coas dificuldades e formular propostas alternativas para saírmos da crise. “Jorquera si cre no País, si ten proxecto para Galiza, non como Feijóo”, resumiu a secretaria de Organización.

Convención coral

A Convención mostrará un BNG plural e diverso desde a unidade. “Será unha Convención coral, con 15 intervencións, todas elas cheas de contido. Cremos nos equipos. Cremos na xente. Non é o momento de individualidades illadas. É o momento de tirarmos xuntos, de tirarmos en Bloque”, recapitulou. Será unha Convención con propostas. “O BNG si ten alternativas e propostas. Non as agacha como o PP. O PP agáchaas porque está a facer desde o Goberno xusto o contrario do que prometeu cando estaba na oposición”, afirmou. As propostas do BNG son alternativas ao desgoberno do PP. “Como a Banca Pública Galega”, exemplificou Montse Prado.

Comentarios