Alcaldías do PP revólvense contra a reforma da administración local

A dirección do partido tenta placar as queixas convocando asembleas nos Concellos. O presidente da Xunta anunciou que emendará a reforma na procura de que esta se adapte, dixo, "ás peculiaridades de Galiza".

As alcaldías do Partido Popular remexéronse nas cadeiras após anunciar o Goberno español que a reforma da Lei de Bases de Réxime Local deixaría os concellos con menos de 1000 habitantes sen salario para @s alcaldes/as e limitaría até en 100.000€ os soldos daqueles termos municipais que superasen o milleiro de persoas no padrón.

A decisión do executivo liderado por Mariano Rajoy xerou un importante malestar entre @s rexedoras e rexedores populares que aseguran que poucas persoas quererán a alcaldía por 1000 euros ou mesmo sen cobrar. Porén, as críticas desde as bases do PP non se centraron unicamente nos salarios senón tamén no baleiro de competencias que xerará para os municipios a nova norma que pretende aprobar o Goberno Rajoy, sumándose así ás denuncias expresadas desde BNG e PSdeG con anterioridade.

O Consello da Xunta acordou enviar unha batería de propostas para adaptar, din, a reforma "ás peculiaridades de Galiza"

Cristóbal Montoro anunciaba a pasada sexta feira que deberán ser suprimidas empresas públicas xestionadas desde os Concellos en favor da concentración de competencias nas administracións provinciais como as Deputacións. Segundo Montoro, a norma pulará polas "administracións intermedias" en aras de procurar a colaboración entre distintos termos municipais. "Os alcaldes sobramos", afirmaba un rexedor popular.

Perante as críticas que espertou o anteproxecto de lei presentado polo Consello de Ministr@s, a dirección do Partido Popular anunciou que desenvolverá asembleas informativas nos Concellos do País, no entanto, mesmo o presidente da Xunta de Galiza --que non acostuma contrariar os mandatos de Madrid-- asegurou non estar completamente de acordo cos puntos que compoñen a reforma presentada pol@s súas compañeir@s de filas. "Non concordo con que un pleno municipal fixe o soldo dun alcalde", aseveraba o presidente da Xunta a respecto da capacidade ilimitada dos órganos municipais para estabeleceren as retribucións das alcaldías. Porén, Núñez Feijóo anunciaba após o Consello da Xunta que o Goberno galego enviaría a Madrid un pacote de propostas encamiñadas a adaptar a reforma do executivo español "ás peculiaridades de Galiza".

Comentarios