"A Xunta só fai propaganda para narcotizarnos. É un goberno de costas á realidade"

Daniel Rodas é de Moaña. Alí vive e desenvolve desde hai anos a súa actividade. Foi horticultor, mariñeiro e traballador do naval. Este moañense tomou posesión como deputado do grupo parlamentar do BNG após a saída de Carlos Aymerich.

Daniel Roda BNG
photo_camera Daniel Roda BNG

Daniel Rodas coñece de primeira man a realidade de dous dos sectores produtivos galegos que malia a teren enormes posibilidades económicas, padecen a asfixia e o desleixo da Xunta de Galiza. Traballou no sector naval e foi mariñeiro. Na súa primeira sesión plenaria como deputado do BNG, reivindicou os dereitos das persoas estafadas polo calote das preferentes portando unha das camisolas amarelas que locen acotío os milleiros de persoas defraudadas pola banca e os gobernos do PP. Conversamos con el sobre aquilo que se ve desde o escano do Parlamento mais tamén a pé de rúa. 

Un cravo vermello, un exemplar do Sempre en Galiza e unha camisola das preferentes. Son os símbolos da súa toma de posesión. Chega pisando forte!
[Ri] Pisando forte non! O BNG sempre levou o cravo e o Sempre en Galiza porque son os símbolos do Partido Galeguista e de Castelao como alicerces do ideario nacionalista. A camisola das preferentes leveina porque é un problema que se ve acotío aquí en Moaña [concello ao que pertence]. Con ela quixemos denunciar esta estafa e o desmantelamento do sector financeiro galego. 

O PP de Moaña dixo estar do lado das persoas estafadas, mais no PP din que pouco se pode facer desde os gobernos municipais contra esta fraude...
O PP é un especialista en ter unha dobre carauta. Din estar do lado dos veciños mais quen aprobou a quita foi o Partido Popular en Madrid e tamén foron os que autorizaron a venda destes produtos que logo se converteron nun roubo. É a eles a quen hai que pedir responsabilidades. 

"O PP é un especialista en ter unha dobre carauta. Din estar do lado dos veciños mais quen aprobou a quita foi o Partido Popular"

Cal foi a súa primeira impresión ao chegar á Cámara?
O primeiro que me sorprendeu na distancia curta foi a actitude do presidente. Nas preguntas que lle formulan os grupos da oposición non responde aos asuntos plantexados. É un especialista en escorrer o vulto e eludir as súas responsabilidades. Cando ves esa caradura, asusta. 

Que Galiza se ve desde o seu escano? Ten a imprensión de que é a mesma que ven as deputadas do PP desde os seus?

Vexo un goberno que non defende os intereses deste país. Falabamos antes do desmantelamento do sector financeiro mais isto acontece tamén nos demais sectores produtivos, o naval, o agro, os servizos públicos... O goberno do Partido Popular está a desmantelar todo o público cando o que debera facer é solucionar os problemas dos veciños. Eu son un cidadán de abaixo e vexo que a muller está no paro, os sobriños, os veciños... entrementres desde a Xunta só se fai propaganda para narcotizarnos coma se isto fose unha solución. É un goberno que dá as costas á realidade. 

Após a toma de contacto co sector pesqueiro e marisqueiro, como ve o sector? 
Vexo un sector abocado á desaparición, pois agora todas as normas emanan de Europa e o goberno español só contribúe para desmantelar a pesca galega. A pouco que te achegues ao sector ves que isto é asi. Por exemplo, agora vemos o que aconteceu coa frota cefalopodeira en Mauritania como xa pasara na costa de Marrocos-Sáhara. Pouco a pouco a única saída que che deixan é o desguace das embarcacións.

"Eu son un cidadán de abaixo e vexo que a muller está no paro, os sobriños, os veciños... entrementres desde a Xunta só se fai propaganda para narcotizarnos"

A Xunta non está para solucionar os nosos problemas como vimos coa xarda. Estaban máis preocupados por facer cumprir as cotas --que prexudicaba aos mariñeiros galegos-- que por defenderen os intereses do sector. Tamén así coa comercialización de produtos --porque aquí temos moita pesca mais tamén comemos. Cando se propuxo o selo da Denominación de Orixe para o mexillón unha eurodeputada do PP tivo a desvergoña de votar contra os intereses de Galiza. 

A finais de 2012 foi soada a morte dunha mariscadora e a resposta da Xunta foi: que non saian faenar con temporal. Non cumprirían algo máis que consellos para evitar os accidentes laborais que afectan a estas traballadoras?
Esa foi unha desgraza que quitou á luz pública a situación do servizo de busca e salvamento desmantelado polo Partido Popular. Anteriormente tiñan gardas de 24 horas mais, após a decisión da Xunta, convertéronse en gardas localizadas porque saía máis barato. O único que lles interesa é beneficiar as empresas amigas e detrás desta situación sempre están os que se reparten o pastel, como Pescanova. 

Esta terza feira comparecerá Feijóo para falar da súa relación co narco Marcial Dorado, que agardan desta comparecencia?
Saber quen lle estendeu a crema [ri]. Veremos en que queda a carauta deste presidente que era o máis puro e o máis casto. Nas eleccións de 2009 tivo unha actitude moi dura co daquela vice-presidente da Xunta [Anxo Quintana] e agora vemos que predicaba unha cousa e fai a contraria. O que deixa claro é que estes do PP non son nada de fiar. 

Comentarios