‘Semana da Patria’: máis de 60 actos por toda Galiza ás portas do 25 de Xullo

Organizada por Galiza Nova, decorrerá do 17 ao 23 de xullo en 30 concellos diferentes. De palestras a concertos, pasando por debates, proxección de documentais ou roteiros. “Galiza precisa a soberanía”, afirma Alberte Fernández, secretario xeral de GN.

Galiza nova bng semana da patria 25X

Galiza Nova impulsa a ‘Semana da Patria’, sete días nos que máis de 60 actos terán lugar nas diferentes comarcas do país ás portas do 25 de Xullo, Día da Patria. Desde esta segunda feira, 17 de xullo, até o 23 de xullo, unha trintena de vilas e cidades acollerán diferentes actividades, desde mesas de debate até andainas, pasando por concertos, actividades formativas, proxección de audiovisuais ou elaboración de murais, entre outras.

A diversidade de actividades ten un eixo común, sinalou Navia Rivas, de Galiza Nova, que é a reivindicación da “soberanía” de Galiza. Ao longo da semana trataranse diferentes cuestións, como a situación do ensino, a precariedade laboral da mocidade galega, a emigración xuvenil ou os dereitos LGTB.

Alberte Fernández, secretario xeral de Galiza Nova, destacou esta aposta por levar actos ás diferentes comarcas do país para reivindicar o Día da Patria e a súa vixencia. Fernández incidiu na necesidade dunha Galiza soberana como ferramenta para dar solución aos problemas que atinxen a mocidade galega, como o paro ou a emigración.

Por último, Bieito Lobeira, coordinador de Organización do BNG, destacou o “significado especial” desta iniciativa ao tempo que apostou en superar o marco actual do estatuto e a constitución para erguer unha alternativa “democrática e soberana”.

Comentarios