Unha xuíza retira a custodia dunha nena á nai ''polas dificultades'' de aprender catalán

A muller mudouse de Tenerife a Barcelona e a sentenza sinala que a crianza terá problemas de adaptación ao ter que aprender a lingua propia da Catalunya, malia que o translado se debe a que conseguiu un emprego que a quitou do paro. 

A titular do xulgado de primeira instancia nº2 de Güímar (Tenerife), María Paloma Gálvez, aproveitou a mudanza que unha nai quixo facer no réxime de visitas que o seu ex-compañeiro realizaba á filla que teñen en común para lle retirar a custodia da nena.

A nai alegaba a necesidade do cambio en que ambas as dúas se transladarían a Barcelona, onde atopou un emprego que a quitou do paro. E a xuíza alegou que a pequena terá problemas de adaptación por ter que aprender catalán, polo que non permitirá que fique en Catalunya.

Concedeu a custodia ao pai, malia estar no desemprego, e anotou tal situación como un argumento a favor, pois así "posúe unha maior disponibilidade horaria" para se ocupar da crianza. María Paloma Gálvez entende que "non quedou acreditado" que o translado a Barcelona vaia redundar nun beneficio para a menor. Moi ao contrario, entende que "a dificultade" do catalán suporá "un escollo" na súa integración. 

Mais non só. Na sentenza, a xuíza valora que os vínculos afectivos son maiores co pai que coa nai malia ser ela quen tiña a custodia desde que a parella se divorciou, en outubro de 2011, xa que, namentres tivo emprego, viuse na obriga de a matricular nun xardín de infancia "desde pola mañá até pola tarde". Agora, en Barcelona, a nena "fai un horario en que está no colexio desde pola mañá até as cinco da tarde" e "como é sabido por todos" nas escolas da Catalunya fálase o catalán, feito que "está a influír na evolución da nena". Critica ademais que non sexa a nai quen a recolle á saída da escola, senón a avoa materna.

Máis en Països Catalans
Comentarios