Xosé M. Sancho, Nunca Máis de Catalunya: “Hai dignos sucesores das actividades da Plataforma”

A Plataforma Nunca Máis de Catalunya e a Asemblea Cultural Galega de Catalunya organizan este sábado unha xornada con música, charlas e cine para lembraren a catástrofe do Prestige. Ese día entregarán á Facultade de Historia de Barcelona o fondo bibliográfico da Plataforma. Vai ser o último acto que realicen como Plataforma. Falamos cun dos seus membros máis activos.

 
Xosé María Sancho, Nunca Máis de Catalunya
photo_camera Xosé María Sancho, Nunca Máis de Catalunya

Dez anos dan para ver o que pasou con moita perspectiva...

Penso que estamos peor. A resposta a catástrofes ecolóxicas, económicas e sociais seguen sendo inadecuadas. A evolución da sociedade civil a partir daquel momento, con plataformas como Nunca Máis, fomentou que se artellasen novos movementos e novas formas de rebelarse contra esas prácticas. Temos un exemplo nos acampados do 15-M ou os grupos que protestan contra as hipotecas e os desafiuzamentos.

Non houbo depuración de responsabilidades políticas nin económicas. No mesmo xuízo pola catástrofe do Prestige só temos como acusado a López Sors como cabeza de turco.

Cales das actividades que se realizaron aqueles días quedaron máis na memoria?

Fixéronse moitos. Elaborouse moita documentación, libros, documentais, material escolar, manifestacións nas rúas, actividades en centros sociais e de ensino, festivais, montar equipos de voluntari@s que viaxaran a Galiza para limpar o chapapote, estivemos en Bruxelas e falamos cos diferentes grupos parlamentarios para que mostrasen a súa repulsa polo que estaba pasando, aínda que a maioría non fixeron nada.

"Elaborouse moita documentación, libros, documentais, material escolar, manifestacións nas rúas, actividades en centros sociais e de ensino, festivais, montar equipos de voluntari@s que viaxaran a Galiza..."

Dese movemento de indignación que tamén xurdiu en Catalunya, que queda hoxe aí?

En Catalunya sempre houbo unha grande estrutura no movemento civil. Daqueles movementos “Aturem la guerra”, “Plataforma en defensa de l 'Ebre”, “Nunca Máis de Catalunya”, pasouse a outros que continúan a sair á rúa e expresan o que sinten. Agora artéllanse nunha rede de centros autoxestionados que funcionan moi ben con programacións estábeis e moito apoio social. Na Galiza bótanse de menos maís centros deste tipo e os que hai teñen problemas pola presión para que deixen de existir. É como se non interesase que a sociedade civil galega este artellada.

A nivel galego en Catalunya despois de Nunca Máis xurdiron novos grupos, como Rede.cat e o Espazo Galego dos Països Catalans, e asociacións que xa existían e que se mantiveron, caso do Proxecto Galauda ou ERGAC. Hoxe temos unha rede social alternativa en Catalunya. Este movemento tentou mudar as propias entidades “tradicionais”, caso do Centro Galego de Barcelona, e hoxe configuran a Asemblea Cultural Galega de Barcelona con máis de 100 soci@s nun ano de existencia.

"A nivel galego en Catalunya despois de Nunca Máis xurdiron novos grupos, como Rede.cat e o Espazo Galego dos Països Catalans, e asociacións que xa existían e que se mantiveron, caso do Proxecto Galauda ou ERGAC"

A xornada deste sábado vai ser como unha despedida para “Nunca Máis de Catalunya”?

A laboura que realizaba a Plataforma NMC podemos considerar que rematou. Hai dignos sucesores das actividades que NMC facía e hai outras opcións máis actuais e con xente nova. Con estes actos dáselle unha despedida máis que digna e as persoas que traballamos en NMC agora continuamos noutros proxectos e actividades. En todo caso non quere dicir que desapareza a loita en Catalunya nin a visión de esquerdas e de defensa do país que temos todos.

Actos polo 10º aniversario da catástrofe do Prestige

Sábado, 1 de decembro, Ateneu Roig e Ateneu Popular de Nou Barris


Ateneu Roig: rúa Ciutat Real, 25 (vila de Gràcia) M.Fontana (L3) Joanic (L4)
12:00: Presentación da exposición ''10 anos no País de Nunca Máis'' do pintor Anxo Baranga, pola compañía de teatro Furafollas. Presentación con audiovisual da exposición de textos "Deu anys desprès" de Nunca Máis de Catalunya.
12:30: Proxección do documental ''Marea Blanca'' de Isabel Coixet
18:00: Proxección da montaxe audiovisual ''A Plataforma Nunca Máis de Catalunya. Organización e loita pola defensa do país''
18:30: Mesa Redonda ''10 anys del Prestige'' coa participación de Joan Zamora (Dr. de la Marina Civil, periodista, avogado e representante da Generalitat  na comissión de investigación de accidentes marítimos, autor do libro 'Prestige, de l'accident a la tragèdia'), Jan Codina (director do documental: 'Prestige, el viaje a ninguna parte'), Ecològistes en Acció e Vitor Cabral de Nunca Máis de Catalunya.
20:00: Entrega á facultade de Història de Barcelona do fondo bibliográfico de Nunca Máis de Catalunya.

Ateneu Popular 9Barris: rúa Portlligat 11-15 M.Trinitat Nova (L3-L4)
22:30: Concerto homenaxe @s voluntari@s, coa  participación dos grupos ''Lo Petit Comitè'', ''Sundanché'' e  DJ Nacho
.Prezo: 4€ (entrada+queimada) 
Concerto adherido aos actos de ''DésCONCERTO EXPANSIVO'' organitzado polo colectivo Burla

Máis en Països Catalans
Comentarios