"Voume porque me sinto incapaz de defender a postura adoptada maioritariamente"

Antonio Baños, cabeza de lista da CUP por Barcelona, anunciou a súa renuncia como deputado da organización. Unha decisión, dixo, por "motivos estritamente políticos".

Baños

Segundo avanzou o xornal dixital Vilaweb, o portavoz parlamentar da CUP e deputado por Barcelona, emitiu un comunicado de imprensa no que anunciou a renuncia á súa acta no Parlament de Catalunya. 

Na carta remitida Baños sinala que o acordado polo Consello Político da CUP o 5 de xaneiro constitúe "unha postura política discrepante coas ideas e obxectivos polos que decidín presentarme candidato ás eleccións do pasado 27 de setembro". Isto é, acrecenta, "que esta lexislatura fose a da ruptura irreversíbel co Estado español" para alén de que "a construción da República" catalá se fixese através dun "proceso constituínte propular e social". 

Antonio Baños di marchar cun "sentimento de frustración persoal" que "non podo agochar"

Así as cousas, o máximo órgao político da CUP acordou non apoiar a investidura de Artur Mas como presidente da Generalitat. "É evidente que non puiden ou [non] souben cumpir este mandato e por iso marcho". Unha decisión que adoptou, di, "cun sentimento de frustración persoal moi vivo que non podo agochar", recoñece. 

Antonio Baños sinala no documento que malia todo "penso continuar colaborando" co proceso independentista ao se amosar certo de que "a República Catalana é o único camiño para conseguir a transformación social do país". Razón pola que, coida, se hai eleccións anticipadas "o afortalamento da base social do independentismo" será unha tarefa da que "non poderemos sentirnos desligados" quen "queremos a República". 

Máis en Països Catalans
Comentarios