UNHA CRÓNICA DE AURÉLIO LOPES

'Votar és normal'

Responsábel de Irmandade TV e colaborador de Sermos Galiza, Aurélio Lopes, acreditado para acompañar o desenvolvimento do 9N, partilla connosco as súas impresións.

la foto
photo_camera Foto: Carolina Giorno

08:00. Saio do hostal no que durmo situado no bairro de Urquinaona, moi perto de Plaça Catalunya. Xa é totalmente de día e ten pinta de que vai facer bo tempo. A cidade está totalmente tranquila. Está a piques de comezar unha xornada na que os cataláns exercitarán os seus dereitos democráticos. Un exercicio que está a pór ao descuberto o carácter antidemocrático do estado.

08:30. Despois de coller o metro en Urquinaona, baixo na última parada da liña vermella. Esta parada déixame a escasos metros do concello de Badalona. Un concello gobernado por García Albiol, alcalde do PP que chegou cun discurso abertamente xenófobo. Para chegar ao concello de Badalona teño que cruzar o paso de peóns de 5 metros. Hai que estar moi atento para decatarte de que na distancia dunha beirarúa á outra estou entrando nun novo concello. Interésanos especialmente, xa que é un concello gobernado polo Partido Popular (un exotismo en Catalunya) mais que deu apoio á consulta, xa que gobernan en minoría.

Cando van preguntarnos quen somos (levamos acreditacións da Generalitat) o noso acento descoloca ao interlocutor e a continuación un enorme sorriso: a Galiza tamén está aquí cobrindo o que acontece

08:40. Non damos atopado o instituto. Ao lonxe, unha patrulla de Mossos. Preguntamos onde fica o local de votación. Moi amabelmente nos indican onde fica. Ao chegar, unha cola duns 70 metros agarda fronte á un instituto de educación secundaria. Preparamos os bártulos de Irmandade TV para captar o momento de apertura do colexio e ás primeiras votantes. Cando van preguntarnos quen somos (levamos acreditacións da Generalitat) o noso acento descoloca ao interlocutor e a continuación un enorme sorriso: a Galiza tamén está aquí cobrindo o que acontece.

10:00. Saimos do instituto despois de entrevistar a diferentes persoas, coller os planos recurso das votacións e coa plena seguridade de que vai ser un gran día para a democracia e un gran día para Catalunya. É hora do café. As présas da mañá fixeron que aínda teña o estómago baleiro. Entro nunha cafetería. O único cliente que está no café está a ler o AS. Levanta a mirada e mira a miña acreditación (da Generalitat) e pon cara de moi poucos amigos. Ao pouco chegan dous amiguetes del. Son de orixe andaluza coma moitos en Badalona. E miran para mi novamente: comezan a facer comentarios en alto (para que escoite) sobre a consulta. A min ( que non me gusta nada debater de política) entro ao trapo cando escoito: “En esa historia vota hasta el Cid Campeador”. “Iso é mentira” digo eu. “Venho de Galiza a cubrir o evento e eu non podo votar así que o Cid menos”. Fican desconcertados. Claramente non son catalán nen da Generalitat. “Pero es ilegal”, dime un. “Ilegal para os 12 xuíces nomeados polo PP e PSOE. Ten a lexitimidade do povo catalán”. Á camareira, de orixe sudamericana, cáenlle os pratos. Os meus interlocutores dille que estea tranquila. Remata a conversa nese ponto e despídome amabelmente cun “Bon dia”. Dinme “Adéu”.

11:15. O meu compañeiro Antón Escuredo e máis eu chegamos a L´Hospitalet. Na saída do metro, máis propaganda sobre a consulta. Ao chegar ao local de votación, unha fileira aínda máis longa que a de Badalona dá a volta ao local de votación. Entrevistamos a diferentes cidadáns. Na fileira, un deles nos di que “non quero a independencia”, mais quero “votar”. A maioría dos que están na fileira si que din querer a independencia. Agora toca ir ao quiosque. Hai que gravar as portadas dos diarios cataláns. Alí no quiosque improvísase un debate entre partidarios e algún que outro detractor da consulta. Como non temos moitas voces gravadas que estean contra a consulta decidimos que é o momento de entrevistar a un señor que se amosa moi belixerante. “Estou en contra da consulta”. Tamén afirma que en Madrid non hai goberno: “están en Alcalá-Meco”. Remata a súa exposición deixando claro por quen aposta na nova fase política: “Agardo que Podemos lles corte a cabeza a todos”. Vai pasando o tempo e temos que ir correndo a Cornellà. Cruzámonos cunha parella de Mossos indo cara á estación. Osadamente, preguntamos se podemos gravarlles un par de respostas. Din que non. Off the record, din que votar é normal e as únicas instruccións que teñen son a de evitar hipotéticos incidentes. Normalidade absoluta.

13:00. Xa andamos por Cornellà. Neste concello atópase a comunidade galega máis numerosa de toda Catalunya. Alí nos está a agardar Eduard del Castillo, un catalán que vive na Galiza e que nesta xornada é un voluntario máis. Tamén, no mesmo local de votación, está Joan Tardà, militante e deputado no Congreso de ERC. Conversamos un anaco con ele para Irmandade TV. A xornada vaias onde vaias transcurre igual. Festiva e participativa. Non vimos nen un so incidente, nen un encontronazo entre cidadáns que se perciba como violencia verbal. Pura envexa sá. É o que repito cada vez que me preguntan como o vexo na miña condición de cidadán galego.

16:25. Chego ao centro de Barcelona. Teño que enviar arquivos a Fabián Gegunde (o montado e realizador da tv) para subir un pequeno vídeo sobre a xornada. Falo tamén con Mexuto. Aínda teño por escribir a crónica do que fun vivindo ao longo do día. Intercambiamos impresións sobre o que está a acontecer. Respiramos felicidade.

18:00. Saio do hostal despois de facer a entradilla para o vídeo (hai apenas 20 minutos e pouco máis e ficamos sen luz) e despois de redactar o dietario do día. Vou cara á estación de Espanya onde me agarda o centro de datos. Alí hai acreditados máis de 800 xornalistas, incluída a TVG, que chegou hoxe. Alí encontrareime co meu compañeiro Antón e encetaremos a recta final da xornada. 
A partir de mañá, comeza a carreira cara ás eleccións “plebiscitarias” ou “constituíntes” dependendo con quen fales. Nelas, porase toda a carne no asador. Todo se xogará a independencia ou unionismo. Verémolo e contarémolo

Máis en Països Catalans
Comentarios