A Vía Catalá reafirma o seu adeus a España

A primeira Festa Nacional de Catalunya que descentraliza os actos por todo o seu territorio presentou unha modélica organización e unha extraordinaria participación cidadá.

photo_camera [Imaxes: Riobó Prada]

“Vai ser un éxito”. Con esta frase premonitoria un xornalista resumíame o seu convencemento de que a Diada deste ano daría que falar en todo o mundo. Escoiteina pola mañá na Mostra de Entidades dos Països Catalans cando chovía e unha parte dos postos queixábanse que había menos xente que outros anos. “Non lles fagas caso, a xente foi ao seu tramo, este é o adeus a España”. O certo é que non se falaba doutra cousa desde a noite anterior, a dos “parlaments”, no Fossar de les Moreres. Tamén comentábase a imposibilidade de entrar na páxina habilitada pola Asemblea Nacional Catalana (ANC) para aquelas persoas que non o fixeran antes, o denominado Tramo 0. Logo souben que o problema non viña de “piratas” informáticos, fora cousa da grande cantidade de entradas que remataron por colapsar o seu servidor. De todos os xeitos a visita á Mostra de Entidades prestaba, era a Catalunya en miniatura versión independentista.

A Mostra de Entidades dos Països Catalans
Mais, que é a Mostra de Entidades? Hai unha ducia de anos xurdiu en Barcelona o colectivo Gent de la Terra, un grupo aberto, diverso, autoorganizado e que non depende de ningunha institución nin partido político, comezou a organizar o día da festa nacional catalá a que denominan Mostra d’Entitats dels Països Catalans, un espazo de proxección e exposición de proxectos ao redor da nación catalá, moitos deles con dificultades para a súa visibilización. Carpas e postos de diferentes tamaño encheron o Passeig Lluís Companys de Barcelona, a poucos metros do Parc de la Ciutadella, o epicentro dos actos institucionais. Nesta edición participaron máis de 120 entidades entre medios de comunicación (Vilaweb, La Directa, Ara), asociacións pola lingua (CIEMEN, Coordinadora d’Associacions per la Llengua), colectivos doutras nacións (Centre Cultural Euskal Etxea, Asemblea Cultural galega de Barcelona) ou mesmo excursionistas (Club Excursionista Pirenaic, Federació Catalana d’Excursionisme). Presentacións de libros, como foi o caso de autores como Vicent Partal ou Hèctor López Bofill, e táboas redondas chamaron a atención de milleiros de visitantes. Como noutras edicións o posto da Asemblea Cultural Galega de Barcelona foi de obrigada visita para min e para Sermos Galiza.

E chegou a Vía

O simbolismo da hora en que se organizou a cadea humana, as 17:14 horas, lembraba o ano 1714 cando Barcelona, após catorce meses de resistencia, cae en mans borbónicas e elimínanse as institucións e liberdades catalás. Como milleiros de persoas, houbo 400 mil inscricións e 1, 6 millóns de participantes, engadinme no tramo que tiña máis perto nese intre: o Parc Ciutadella. Voluntarios e voluntarias da ANC tentaban organizar as familias, grupos, parellas e algún que outro turista para que todo o mundo tivera o seu oco. Minutos antes da hora fotógraf@s da organización retrataban toda a cadea humana e logo cámaras de vídeo levaban a proba do éxito da convocatoria. Non houbo campás, como no caso de Lleida que realizou unha cadea malia non estar no roteiro oficial, mais si un aviso de que chegaba a hora. Foi daquela cando entrou a emoción no acto e aínda máis cando ao remate comezaron os berros de “independencia” e os aplausos. Logo virían Els Segadors e as anécdotas entre @s participantes. As análises políticas, se cadra, precisen o pouso do tempo. Iso si, a mensaxe é ben clara: non hai volta atrás. 

Imaxes: Riobó Prada

Máis en Països Catalans
Comentarios