Todo pronto para a Diada máis masiva e independentista

Este 11 de setembro Catalunya vive unha Diada histórica coa convocatoria do referendo de autodeterminación no albo. 

Ara és l'hora
photo_camera Ara és l'hora

A Diada encetou con actos institucionais e homenaxes desenvolvidas polas organizacións políticas nun ambiente solemne. A partir do mediodía comezará a organización do 'V' humano xigante que unirá as rúas Gran Vía e Diagonal de Barcelona convocada pola Assemblea nacional catalana.

Máis de medio millón de persoas xa se inscribiron nos tramos definidos pola ANC para facilitar a construción do 'V'. Autocarros procedentes do País Valenciá e de distintos puntos de Catalunya xa marchan cara á cidade condal cargados de activistas que defenderán a convocatoria da consulta o 9 de novembro e o dereito de autodeterminación do pobo catalán. 

Ofrenda floral no Fossar de les Moreres 

O president da Generalitat, Artur Mas, acompañado pola presidenta do Parlament de Catalunya, Núria de Gispert, e o alcalde de Barcelona, Xavier Trias, desenvolveron unha ofrenda floral perante o lugar no que se atopan soterradas as vítimas do asedio borbónico á capital catalá. O acto, institucional e solemne, enmarcouse no conxunto de actividades desenvolvidas con motivo do Tricentenari e estivo arroupado por outros representantes institucionais como a equipa de goberno de Mas ao completo e o portavoz parlamentar e president de ERC, Oriol Junqueras, xunto cun pequeno grupo de cidadáns e cidadás que accederon --previa autorización-- á praza. 

Máis de 500.000 persoas inscribíronse na Assemblea nacional catalana para se uniren no 'V' que unirá as rúas Gran Vía e Diagonal de Barcelona

Esta ofrenda floral constituíu un acto histórico pois ningún outro president levara a cabo un acto no Fossar de les Moreres, espazo que tradicionalmente acolleu ao movemento máis independentista catalán. A decisión de Mas caeu como xerra de auga fría nas ringleiras do Partido Popular que criticou a ofrenda por considerar que esta presenta un "marcado carácter independentista". 

Pola contra, desde o Govern, o seu voceiro, Francesc Homes, retrucou @s populares afirmando que o acto "ten todo o sentido" e era "unha asignatura pendente, render unha homenaxe ás persoas diversas que contribuíron a se sexamos o que somos". Aliás, Homs lembrou a inscrición que encabeza o monumento: 'No Fossar de les Moreres non se enterra ningún traidor'. 

"Compromiso firme" de convocar a consulta

No discurso pronunciado por Artur Mas na véspera da Diada, o president da Generalitat asegurou que o seu "compromiso" de convocatoria do referendo o 9-N "é firme". Mas quixo tombar os rumores que apuntarían cara á unha recuada do Govern e de CiU no pulso que mantén Catalunya ao Estado español. Neste senso, emprazou aos poderes españois, a comezar polo executivo de Mariano Rajoy, a escoitar "o clamor pacífico deste pobo" que quere, dixo, "decidir o noso futuro colectivo". 

"Mañá", subliñou a respeito do 11 de setembro, "unha parte significativa do pobo catalán volverá desmostrar ao mundo cal é a vía catalana de entender a democracia e a liberdade". "Silenciar a voz dun pobo que quere falar", insistiu en alusión a Madrid, "é un erro", como tamén o é, sublióu, "negar o voto que ve nas urnas a solución e non un problema, tamén é un erro". 

Máis en Països Catalans
Comentarios