A GENERALITAT PRESENTARá UN RECURSO CONTRA O GOBERNO ESPAñOL PERANTE O SUPREMO

O Govern reaxe fronte ao novo veto do TC co anuncio de que mantén o 9-N

O Pleno do Tribunal Constitucional acordou por unanimidade admitir a trámite o recurso presentado polo goberno español, mais iso non resolve a partida. O Govern -anunciou o seu portavoz, Francesc Homs- mantén o 9-N. 

homs
photo_camera Francesc Homs. Foto: NacióDigital

Esta terza feira (4 de novembro) o Tribunal Constitucional aceptou tramitar o recurso presentado polo goberno español contra a concatoria da consulta popular prevista en Catalunya para este 9 de novembro. 

Así o acordou o Pleno do TC após unha xuntanza de 3 horas na que estudou o escrito presentado polo executivo de Mariano Rajoy. Un recurso de 49 páxinas no que o goberno español demanda a impugnación do 9-N achegando como probas os contidos do portal web participa2014.cat; diversas comunicacións remitidas a concellos e escolas e os discursos realizados polo president de Catalunya, Artur Mas, a vice-presidenta, Joana Ortega, e o portavoz do Govern, Francesc Homs.

Suspender o impugnado

No auto publicado esta terza feira o Pleno do Constitucional sinala que suspende "os actos impugnados, así como as restantes actuacións de preparación" da consulta "ou vencelladas a ela". 

Neste senso, a Generalitat tería que suspender a convocatoria mais tamén os espazos virtuais que estean vinculados a ela e calquera outra acción encamiñada a coñecer a opinión cidadá sobre o futuro político de Catalunya. 

O "proceso participativo" continúa avante

A resposta das institucións catalás non se fixo agardar. O portavoz do Govern, Francesc Homs, compareceu -cunha hora de demora sobre o horario previsto- e ante a enorme espectación espertada entre os meios anunciou que o "proceso participativo" continúa avante.

Anunciou algo máis: dixo que o Govern presentará unha demanda contra o Goberno español, perante o Supremo, por vulneración dos dereitos fundamentais dos cataláns á expresión e á opinión. Aliás, o president da Generalitat, Artur Mas, convocará unha reunión extraordinaria do Pacto Nacional polo Dereito a Decidir, no que parece unha clara manobra do líder nacionalista por envolver a sociedade civil no confronto, inevitábel e aberto, co Estado español.

Homs nen sequer deu marxe á hipótese de que a Generalitat en último termo opte por delegar a realización da consulta participativa na Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural. Dixo que é responsabilidade do goberno catalán garantir os dereitos fundamentais das catalás e dos cataláns e garantiu aos docentes que non teñen que ter medo a participar na consulta porque non o farían na súa calidade de funcionarios e si como "voluntarios".

Máis en Països Catalans
Comentarios