O TC non suspende o pleno do Parlament sobre a declaración independentista

Admitiu a trámite os recursos de PP, PSc e Cs. Non suspende o pleno.

O pleno do Tribunal Constitucional decidiu non adoptar medidas cautelares como reclaman en senllos recursos de amparo o PP, PSC e Ciutadans e non suspender o pleno do Parlament que esta segunda feira vai debater unha declaración independentista.

Nunha nota de imprensa sinala que os recursos cumpren co requirimento da "especial trascendencia constitucional" exixido para a súa tramitación porque sinalan, atinxe "cuestións" sobre as que "non hai doutrina neste tribunal". 

O TC entende que a decisión da Mesa do Parlament que foi impugnada atinxe "unha cuestión xurídica de relevante repercusión social e consecuencias políticas xerais"

De facto, nunca se ten suspendido unha decisión adoptada pola Mesa do Parlamento de ningunha Cámara lexislativa embora a admisión a trámite dos recursos non supoña tal cousa, senón simplemente o seu estudo. Por agora. 

Será ao longo desta tarde cando o Pleno do TC decida se adopta as medidas cautelares que reclaman C's, PSC e PP embora os dous relatorios que manexa a mesa sexan contrarios a esta decisión, segundo trascendeu ao longo desta mañá. 

Aliás, o tribunal acordou solicitar ao Parlament de Catalunya que remita "certificación ou fotocopia das actuacións" que son obxecto de impugnación e das que din, suscitan "unha cuestión xurídica de relevante repercusión social e consecuencias políticas xerais". 

Máis en Països Catalans
Comentarios