PSC, PP e Ciutadans concordan en criticar o camiño de "ruptura con España"

O primeiro Pleno do Parlament de Catalunya comezou coa comparecencia de Mas diante o Parlament para dar a coñecer a estructura do Govern. O presidente introduciu a xestión dos propios recursos nun Estado propio como solución á situación económica e contou co apoio de ERC. A oposición criticou a composición das consellarías.
Concentración diante do Parlament de Catalunya
photo_camera Concentración diante do Parlament de Catalunya


A presentación das diferentes consellarías estivo marcada polo debate posterior sobre a Declaración de Soberanía. "Estes tempos difíciles poderían ser diferentes porque este país xera recursos abondo para vivir mellor". Artur Mas asegurou que o seu goberno aposta por "ir mellor" nestes tempos de crise "dependendo máis de nós". Segundo o presidente da Generalitat, Catalunya podería saír da crise "se xestiona os seus propios recursos". Rematou cun chamamento a ampliar o goberno coa participación doutras formacións políticas do Parlament "cun maior consenso".

Após, o portavoz de ERC, Oriol Junqueras, chamou á responsabilidade e apoiou a idea de que para saír da grave situación económica "necesitamos as ferramentas que teñen os estados" e reafirmou a idea de que "un goberno ten que ser forte" para afrontar "grandes retos". Junqueras pediu ao novo goberno que "fale cada día con claridade coa cidadanía" para que teña a confianza desta. Na réplica preguntou ao resto de grupos do Parlament "cal sería a outra alternativa a formar un goberno con CiU?".

Segundo o presidente da Generalitat, Catalunya podería saír da crise "se xestiona os seus propios recursos"

Pere Navarro, portavoz do PSC, rexeitou a composición do novo goberno e sinalou que "o debate é outro, a situación de crise". Navarro responsabilizou a Mas da situación económica de Catalunya. "Precisamos un goberno con ideas novas, non tapar os problemas con outro problema". Lembroulle ao presidente da Generalitat a promesa de celebración dun "cumio contra a crise que para nós é prioritario". Na quenda de réplica sinalou que Mas era o "presidente da división de Catalunya"

A portavoz do PPC, Alícia Sánchez-Camacho, coincidiu con PSC en que "a sociedade quere medidas contra a crise e non saír de España". Atacou a Artur Mas asegurando que "os cataláns e catalás agardan respostas á crise e non a independencia" posto que "saír de España non solucionará os problemas de Catalunya". Para Sánchez-Camacho, Catalunya "non necesita estructuras de estado, senón menos secretarías de facenda ou embaixadas". Na réplica acusou a Mas de vivir "un delirio de independencia" e de non "ser o seu President". 

Joan Herrera, portavoz de ICV-EU, sinalou a súa "ledicia" polo cambio de discurso deste novo goberno no tema da austeridade mais "co goberno dos mesmos será imposíbel que se materialicen". Para Herrera este novo goberno que presenta Mas "é débil e inestábel" e non omitiu a corrupción "que toca ao seu partido e a outros cos que mantiveron acordos de goberno". 

Ao servizo de Junqueras

A resposta de Ciutadans á proposta de estructura e a composición do governo que realizou Artur Mas foi o ataque contra o que consideran un executivo "ao servizo de Oriol Junqueras". Albert Rivera, o seu portavoz, pensa que "este goberno está ao servizo de protexerse a si mesmo dos escándalos de corrupción". Como achega para solucionar a situación económica apuntou que habería que "ir cara á unha administración única coa desaparición dos consellos comarcais ou a fusión de concellos". Na quenda de réplica pediu "a desaparición da figura de xefe da oposición". 

Goberno ou consello de administración?

David Fernàndez, voceiro da CUP, comezou coa benvida ao novo goberno "que se este país é unha empresa, logo será o seu consello de administración". Lembrou en números a situación de "milleiros de persoas" e dubidou de que "quen fixo a enfermidade poda achegar a medicina". Reafirmou a vocación "independentista" da CUP mais "dun xeito crítico como faremos na votación da Declaración de Soberanía deste parlamento". Na réplica dixo que "este goberno non é o que queremos mais é o de Catalunya".

A última intervención dos grupos do Parlament sobre a presentación do novo goberno foi a de CiU. Jordi Turull, o seu voceiro, criticou que maior parte das intervencións quixesen "desgastar máis que achegar propostas" sobre os retos do país. Lembrou que a intención do novo goberno do seu partido é "darlle a volta á situación económica", "manter a cohesión social" e "dar voz ao pobo para que decida o seu futuro colectivo". Na quenda de réplica lembroulle a Sánchez-Camacho que "os cartos de Catalunya son dos cataláns". 

As candidaturas ao Senado que se presentaron tiveron o voto en contra de Ciutadans e a CUP.

A presidenta do Parlament emprazou para as 16 horas o debate sobre a Declaración de Soberanía.

Imaxe: Concentración diante do Parlament de Catalunya (ANC)

Máis en Països Catalans
Comentarios