Proposta de Resolución de aprobación da Declaración de Soberanía do Pobo Catalán

Publicamos íntegra a proposta de Resolución de aprobación da Declaración de Soberanía do Pobo Catalán

Preámbulo

O pobo de Catalunya, ao longo da súa historia, manifestou democraticamente a vontade de se autogobernar, co obxectivo de que a administración do poder político, das finanzas públicas, o recoñecemento da propia cultura e identidade colectiva, da lingua propia e da garantía do exercicio dos dereitos da cidadanía, sirva para a mellora do benestar colectivo e a igualdade de oportunidades.

Neste sentido, após un longo período de ditadura franquista, coa transición democrática no Estado Español, deseñouse un modelo autonomista. Os últimos anos, na vía do aprofundamento democrático, unha maioría das forzas políticas e sociais catalás impulsaron medidas de transformación do marco político e xurídico, a máis recente concretada no proceso de reforma do Estatuto de Autonomía de Catalunya iniciado polo Parlamento no ano 2005. As dificultades e negativas por parte das institucións do Estado Español, entre as cales hai que salientar a Sentenza do Tribunal Constitucional 31/2010, comportan unha negativa radical á evolución democrática das vontades colectivas do pobo catalán dentro do Estado Español e crea as bases para unha involución no autogoberno que hoxe se expresa con total claridade nos aspectos políticos, competenciais, financeiros, sociais, culturais e lingüísticos.

De diversas formas, o pobo de Catalunya expresou a vontade de superar a actual situación de bloqueo no seo do Estado Español, mediante a necesidade de constituír Catalunya nun Estado dentro do marco europeo. Os Tratados europeos protexen expresamente os dereitos dos pobos, o exercicio dos dereitos da cidadanía e o aprofundamento democrático como principio.
Con data 27 de setembro de 2012, mediante a resolución 742/IX, o Parlamento de Catalunya constatou a necesidade de que o pobo de Catalunya puider determinar de forma libre e democrática o seu futuro colectivo mediante unha consulta.

As últimas eleccións ao Parlamento de Catalunya, de 25 de novembro de 2012, expresaron e confirmaron esta vontade de forma clara e inequívoca, converténdose nun mandato democrático dos cidadáns e cidadás de Catalunya para que a nosa cámara, en representación da vontade do pobo de Catalunya, inicie o proceso para a constitución de Catalunya como novo Estado a partir do recoñecemento da súa propia soberanía.

A lexitimación deste proceso ten de vir pola decisión maioritaria do pobo, pola vía dunha consulta democrática.

Para levar a cabo este proceso, o Parlamento de Catalunya, reunido na primeira sesión da X lexislatura, e en representación da vontade da cidadanía de Catalunya expresada de forma democrática nas últimas eleccións, formula a seguinte

DECLARACIÓN DE SOBERANÍA DO POBO CATALÁN

De acordo coa vontade expresada de forma democrática por parte do pobo de Catalunya, o Parlamento de Catalunya acorda declarar a soberanía democrática do pobo de Catalunya como suxeito político e xurídico, iniciando o proceso para efectuar o exercicio do dereito a decidir, como plasmación do dereito á autodeterminación dos pobos, e facer efectiva a vontade de constituír Catalunya nun novo Estado dentro do marco Europeo de acordo cos principios seguintes:

1. Soberanía. O pobo de Catalunya ten, por razóns de lexitimidade democrática, carácter de suxeito político e xurídico soberano.

2. Lexitimidade democrática. O proceso do exercicio do dereito a decidir será escrupulosamente democrático, garantindo de forma especial a pluralidade de opcións e o respecto de todas elas, a través da deliberación e diálogo no seo da sociedade catalá co obxectivo de que o pronunciamento que resultar sexa a expresión maioritaria da vontade popular.

3. Transparencia. Serán facilitadas todas as ferramentas necesarias para que o conxunto da poboación e a sociedade civil catalá teña toda a información e o coñecemento preciso para o exercicio do dereito a decidir e se promova a súa participación no proceso.

4. Diálogo. Apostarase no diálogo e a negociación co Estado español, as institucións europeas e o conxunto da comunidade internacional.

5. Europa. Defenderanse e promoveranse os principios fundacionais da Unión Europea, de modo particular os dereitos fundamentais dos cidadáns, a democracia, o compromiso co estado do benestar, a solidariedade entre os diferentes territorios da Unión e a aposta polo progreso económico, social e cultural.

6. Legalidade. Serán empregados todos os marcos legais existentes, para facer efectivo o fortalecemento democrático e o exercicio do dereito a decidir.

Parlamento de Catalunya, xaneiro de 2013

Máis en Països Catalans
Comentarios