Propoñen unha Constitución catalá para a independencia que impide as maiorías absolutas

Un grupo de xuristas redactou un proxecto de Carta Magna para unha posíbel independencia que nos seus puntos evita que unha forza política poida acaparar poder e gobernar sen negociar con outras e afirma que non terá exército.

catalunya
photo_camera catalunya

A proposta de Constitución catalá redactada por un grupo de xuristas liderado polo maxistrado da Audiencia de Barcelona Santiago Vidal propón prohibir as maiorías absolutas para “garantir a división de poderes”. En rolda de prensa de presentación do proxecto no Ateneu Barcelonès, o seu autor detallou que "o partido ou lista que consiga máxima aceptación cidadá tería maioría de escanos, pero nunca máis do 49%".

Así, “o partido ganador sempre debería negociar con outros da oposición, polo que se impediría o erro dalgunhas democracias de que, se un partido consegue a maioría absoluta, o poder lexislativo deixa de representar ao pobo e representa a ese partido".

Vidal criticou que a Constitución Española describe España como unha democracia formal con división de poderes, "pero na práctica está en mans dos mesmos partidos ou dos mesmos grupos de presión".

O proxecto do equipo de Vidal tamén aposta por modificar o sistema electoral e introducir listas abertas, algo que "obrigaría aos concelleiros, deputados e alcaldes a ter unha oficina a pé de rúa para os cidadáns". O xuíz tamén defendeu que se deberían limitar os mandatos a dúas lexislaturas, que á súa vez pasarían de ser de catro anos a selo de cinco, segundo a súa proposta.

Tamén explicou que prevé un mecanismo xudicial para que os cargos públicos que non cumpran co seu programa electoral -o seu "contrato co elector"- poidan ser destituídos, algo que pode non gustar aos políticos, recoñeceu Vidal.

Segundo a súa proposta na Constitución, Catalunya non tería exército e eliminaría as diputacións.

Máis en Països Catalans
Comentarios