Acordo entre CDC e ERC para unha candidatura unitaria o 27S coa independencia como obxectivo

Están de acordo nunha candidatura unitaria integrada por Artur Mas e Oriol Junqueras e membros da sociedade civil. A iniciativa quérena estender a CUP e outros partidos, como MÉS e os escindidios de Unió. "O obxectivo é lograr un estado independente".

9nvotar

Máis de dez horas de reunión entre partidos independentistas e entidades e colectivos da sociedade civil catalá fraguaron nun principio de acordo entre Convergència e Esquerra para as eleccións do vindeiro 27 de setembro. CDC e ERC coinciden a favor dunha candidatura unitaria integrada por membros e representantes da sociedade civil catalá, lista na que tamén estarían o presidente catalá Artur Mas e o líder de Esquerra, Oriol Junqueras. Esta terza feira pola tarde terá lugar unha nova xuntanza na que CDC e ERC explicarán a proposta a outros partidos independentistas (CUP, MES...) e a colectivos e entidades. "A nosa vontade é estender o pacto a todos, á CUP e outros partidos", manifestou Oriol Junqueras.

De feito, a CUP, que se amosara nun principio disposta a esa candidatura unitaria, foise afastando da iniciativa e apostando nunha candidatura propia para as eleccións. Os motivos son que aa CUP pedía que a lista fose "sen políticos", configurada por representantes da sociedade civil; e que xusto após as eleccións do 27S se procedese a convocar eleccións constituíntes. Nas últimas horas esta formación afirmou que só entraría a valorar a proposta de candidatura unitaria se esta incluíse propostas concretas. A CUP celebrou a súa II Asemblea Nacional esta pasada fin de semana, elixindo un novo secretariado nacional, con 11 caras novas entre os seus 15 integrantes.

"É un principio de acordo para gañar as eleccións do 27S co obxectivo de ser un estado independente", manifestou Josep Rull (CDC), sobre o principio de pacto atinxido con ERC. O contido pormenorizado do mesmo exporase esta terza feira ao resto de partidos soberanistas e colectivos civís. Junqueras dixo que quería que ese acordo se "translada a todos" para que "o validen e melloren".

Quen asinaría?

Segundo Vilaweb, hai catro partidos que sinarán integramente o acordo e un que non. Os que subscribirán serán, alén de CDC e ERC, o Moviment d'Esquerres e Demòcrates (independentistas escindidos de Unió). A CUP non asinará, mais estúdase unha maneira para que, mesmo presentando candidatura propia, esté na "folla de rota" independentistas e nas accións a desenvolver após as eleccións do 27S. Mesmo se baralla que as 2 listas partillen algún tipo de denominador ou lema común.

Máis en Països Catalans
Comentarios