A prensa española nega unha vitoria independentista que recoñecen os medios internacionais

As capas da práctica totalidade de xornais españois e galegos partillan mensaxe nas súas capas: fracaso do independentismo e derrota de Mas. Pasar os Pirineos e a noticia cambia radicalmente nos principais medios internacionais: vitoria dos 'separatistas' e España ten un problema.

portada catalunya

A maioría da prensa española considera que das eleccións do 27S extráese unha soa e rotunda conclusión: a derrota independentista. Afánanse nas portadas das edicións en papel e dixital en que fique clara a mensaxe, con maior ou menor énfase, mais sen variar substancialmente a idea: a aposta na independencia fracasou nas urnas. De 'La Razón' a 'El País', pasando tamén polas prensa 'de provincias'. Os principais xornais de Galiza non se desvían un ápice da mensaxe que desde a noite do 27 se machaca por prensa, radio e televisión: o independentismo sae derrotado. E iso arguméntase minimizando o resultado en escanos (72 independentistas, 4 máis que a maioría absoluta) e centrándose nunha lectura particular dos votos: o independentismo tería o 48% e o 'unionismo' o 52%. E ponto. Outras visións (da prensa catalá, mais tamén europea), sinalan que sería máis acaído dicir que o independentismo tivo un 48%, o 'unionismo' un 39% e un 11% (de Catalunya Si que es Pot e Unió) non poderían atribuirse a ningún dos dous 'blocos'. E que, en deputados, que é como se miden as eleccións, a vitoria dos independentistas é clara: maioría absoluta.

Nesta vaga da 'Brunete mediática' La Voz de Galicia destaca pola contundencia. Unha portada cun titular a cinco columnas e a unha liña, escrito en maiúsculas: 'A maioría di non'. Non fica atrás El Faro de Vigo, que nos explica no titular que 'O soberanismo perde ao votar os cataláns contra a independencia'. El Progreso opta por un 'Mas perde o seu referendo'. Sorprende 'El Correo Gallego', cun titular no que afirma: “España ten un problema” e explica o por que: “Junts pel Si gaña as eleccións mais necesita o apoio dos radicais da CUP”.

De radicais e plebiscitos

Non é o único medio que cita en portada os 'radicais' da CUP. Faino tamén La Razón, que riba dunha foto de Artur Más bebendo champán, titula: “Más non consegue os seus obxectivos”. E a seguir, o 'horror': “Dependerá dos radicais da CUP”.

O ABC ocupa toda a portada cun pretendidamente rotundo 'Catalunya non se quere ir'. “A maioría dos cataláns non quere a independencia”, aponta El Mundo na portada mentres que 'El País', di que se ben os independentistas “gañas as eleccións”, perden “o seu plebiscito”.

Un pouco de ar fresco atópase, dentro do Estado, na prensa escrita catalá e nalgunha vasca. Na de Euskal Herria o Gara titula 'Catalunya gaña outra etapa cara á independencia'. Na catalá, El Periódico fala dunha 'Amarga vitoria', La Vanguardia ocupa a súa capa cun 'O si imponse' e Ara titula 'Maioría absoluta'. A capa do Avui é un titular que é unha chamada: 'Escoita, Europa'.

EUA, Inglaterra, Alemaña e Francia... coinciden. “Gañaron os independentistas”

As eleccións cataláns merecen sitio nas capas da principal prensa internacional, destacando que o independentismo foi o vencedor da xornada. O New York Times opta por unha fotonoticia na capa de varios cataláns indo votar con bandeiras independentistas e xa no seu interior , informa: “Os separatistas cataláns gañan as eleccións”.

Un titular idéntico ao do xornal alemán 'Frainffunter Allgemeine', que na súa capa titula “Os separatistas gañan as eleccións en Catalunya”. Un dos principais medios escritos franceses, Le Figaro, leva os comicios á súa capa. “Os cataláns emprenden o camiño da independencia” é o título elexido polo xornal galo. “A vitoria dos separatistas” é o titular que figura na capa de 'La Reppublica', un dos principais xornais de Italia. Na mesma liña se move tamén 'La Stampa'. E 'The Guardian', na súa edición dixital, opta por un “os separatistas gañan as eleccións e reclaman o voto como un si á independencia”. Desde Escocia, que hai un ano viveu un referendo no que o si á independencia perdeu, 'The National' titula na súa capa: "Catalunya di si"

Máis en Països Catalans
Comentarios