CUP aclara que a proposta de JxSí non é un preacordo

A formación independentista aclara que será a militancia a que valore os contidos concretos do documento.

CUP
photo_camera [Imaxe CUP]

O grupo parlamentar da CUP compareceu esta tarde do 22 de decembro para amosar a súa posición a respeito do proposta de acordo presentada por Junts pel Sí. Neste senso, en primeiro lugar o seu portavoz Albert Botran aclarou que non se trata dun preacordo entre ambas as dúas organizacións senón dunha achega presentada por JxSí nun intento por achegar posicións programáticas entre ambos os dous grupos. 

O seu "esforzo de aproximación", acrecentou Benet Salellas na procura dun acordo de investidura. Porén, será a militancia da CUP a que valore os "contidos concretos" do documento --recollidos en 63 páxinas-- e emita un pronunciamento a favor ou en contra dos aspectos que contén. Nomeadamente, a respeito do apoio, ou non, a unha "presidencia de transción" composta por "un presidente" (Artur Mas) e "tres presidentes de comisión". 

Desde o grupo parlamentar da CUP avanzaron que @s parlamentares non votarán na asemblea nacional do 27 de decembro pois, dixeron, son "intermediarios" ou "representantes". 

En resposta a preguntas formuladas pola imprensa Albert Botran asegurou que se a militancia da CUP rexeitase a proposta e Junts pel Sí non fixese unha nova, os tempos obrigarían a convocar de novo eleccións. 

JxSí propón unha "presidencia de transición" 

Raúl Romeva compareceu esta terza feira (22 de decembro) publicamente para explicar o pre-acordo alcanzado co grupo parlamentar da CUP de cara á conformación do novo Govern da Generalitat. 

Neste senso, o voceiro de Junts pel Sí explicou que se trata dunha "proposta" elaborada conxuntamente coa CUP mais que deberá ser "validada" pola asemblea nacional da formación independentista que terá lugar en Girona o 27 de decembro. 

No documento deseñado proponse a investidura dunha "presidencia de transición" conformada por "catro persoas", isto é, "un presidente" que sería Artur Mas e "tres presidentes de comisión" cuxo obxectivo sería liderar o "proceso constituente" catalán. 

O documento inclúe un plan de choque social, medidas para implementar a declaración de independencia e o desenvolvemento dun proceso constituínte

Aliás, o principio de acordo aborda tres cuestións fundamentais. Dunha banda, os termos en que se despregará e fará efectiva a declaración independentista aprobada por JxSí e a CUP nun pleno extraordinario decorrido após as eleccións do 27-S. A aprobación dun "plan de choque" que faga fronte ás "necesidades" e "urxencias sociais" que atinxen o país con "medidas de acción" concretas e os correspondentes "orzamentos que as fagan posíbeis", dixo Romeva. Para alén de continuar avanzando na "ampliación da base social" favorábel á República catalana. 

Destarte, o documento que será sometido a debate pola militancia da CUP abrangue as "fases" que comporán o "proceso constituínte" catalán e a elaboración dunha Carta Magna para o "novo estado". Xunto coa creación de "mecanismos de seguimento" para fiscalizar o cumprimento do propio acordo. 

A CUP comparecerá publicamente ás 17 horas para valorar estas cuestións. 

Máis en Països Catalans
Comentarios