Podería non haber convocatoria formal da nova consulta para sortear o veto español

Se o Govern asina un decreto formal de convocatoria dunha nova consulta para o 9-N, e se esta nova consulta fose arredor da pergunta orixinaria do referendo, Madrid voltaría a recorrer ao TC e se inviabilizaría toda hipótese de a populación catalá exercer o seu direito a decidir.

mas
photo_camera Artur Mas

 

O novo ministro de Xustiza, Rafael Catalá, de talante aparentememente menos agresivo do que o seu antecesor, deixou claro, porén, que Madrid recorerrá a consulta alternativa do 9-N se o Govern teima en perguntar á populación catalá se quer que Catalunya se converta nun Estado independente.

Madrid considera que unha pergunta desta caste está viciada de inconstitucionalidade e levaría con toda seguranza a consulta ao TC. O mero feito de apresentar o recurso envolvería a suspensión da convocatoria por espazo de no mínimo 5 meses.

Na súa comparecencia desta mañá, Mas afirmou que a votación se fará "dentro duns marcos legais preexistentes de participación cidadá" e non sobre a lei de consultas que o Parlament aprobou en Setembro. En realidade, o presidente da Generalitat non quixo desvelar as claves da súa estratexia para non "facilitar" as cousas ao Estado.

O presidente da Generalitat non quixo desvelar as claves da súa estratexia para non "facilitar" as cousas ao Estado

Javier Pérez Royo, constitucionalista consultado pola SER, cualificou de "pueril" a estratexia de Mas -por non ter ningún recorrido legal- e mostrou-se certo de que unha nova convocatoria sería levada polo Goberno de Rajoy ao Constitucional.

Así as cousas, Mas podería optar por non asinar un novo decreto de convocatoria formal da nova consulta, considerando que xa ten o paraugas legal dos artigos da Lei de Consultas non recorridos polo Estado español.

Mas anunciou no seu discurso desta terza feira que o 9-N se poderá votar en locais oficiais -dependencias da Generalitat-, con urnas e con papeletas. Non será preciso utilizar censo ningún, pois as e os eleitores se poderán rexistar -usando o seu documento de identidade- no mesmo acto da votación.

Se non hai convocatoria formal, o 9-N podería revestir un carácter basicamente simbólico, de convocatoria cidadá, previo a unhas eleccións que terían carácter de referendo plebiscitario.

E as outras forzas políticas?

Esta xogada política de Mas vén precedida da cimeira falida decorrida na tarde-noite da segunda feira. Nela as forzas pro-consulta non deron o seu apoio a esta nova proposta do president da Generalitat. Mas si é posíbel achar matices. Así, a CUP deixou entrever que si apoiará a consulta alternativa promovida por Mas se de deren unha serie de condicións -basicamente darlle a maior formalidade posíbel e que non deveña nun acto pre-eleitoral de CiU-, mentres que ERC voltaba a asinalar a súa aposta nunha declaración unilateral de independencia, mas sen fechar inteiramente a porta a apoiar que o 9-N se produza algún tipo de consulta.

Podemos-BCN: "A proposta de Mas é unha estratexia máis da casta"

Quen si se afasta claramente do Govern é ICV. A formación ecosocialista liderada por Joan Herrera non quer saber nada de consultas alternativas e propón un acto simbólico: formar colas o 9-N perante os colexios eleitorais fechados para visibilizar que o pobo catalán non pode exercer o seu dereito a decidir.

Por súa parte, o círculo barcelonés de Podemos optou polo ataque directo ao president da Generalitat: "A proposta de Mas é unha estratexia máis da casta".

Máis en Països Catalans
Comentarios