Podemos propón a Compromís un "subgrupo" parlamentar

O secretario xeral da formación lanzou esta idea como fórmula "transitoria" mentres non se modifica o regulamento da Cámara.

compromís valencia

Antonio Montiel, secretario xeral de Podemos no País Valenciá, comprometeuse esta cuarta feira (21 de outubro) a asinar ante notario o compromiso dun grupo propio para @s parlamentares valenciás nas Cortes españolas. 

De non ser posíbel, de facto segundo recolle o Regulamento da Cámara non o é, Podemos ofrece a posibilidade dunha fórmula "transitoria" até a modificación do texto que rexe o Congreso español e que pasaría pola constitución dun "subgrupo" parlamentar co que garantir, defendeu Montiel en declaracións recollidas pola axencia EFE, "os tempos de intervención, a visibilidade dos portavoces e o apoio técnico e económico para manter unha personalidade propia". 

Desta maneira, desde Podemos tentan amarrar a coligazón Podemos-Compromís á que engadirían un terceiro pé 'És el moment' através da que abranguer persoas non afiliadas a ningunha das dúas formacións. Unha fórmula, subliñou, "suficientemente xenerosa e ampla". 

Preguntado polas dificultades para conformar un grupo parlamentar propio con deputad@s eleit@s baixo as siglas doutro (artigo 23 do Regulamento), Montiel sinalou que "caben outras interpretacións" ao abeiro de diversos ditames xurídicos. Aliás, asegura que a "onda de cambio" mudará a correlación de forzas na Mesa do Congreso e polo tanto non haberá, augurou, unha vontade política de "restrinxir" a formación de grupo. 

Máis en Països Catalans
Comentarios