Piden a ilegalización da Assemblea Nacional Catalana perante a Fiscalía de Estado

A organización Manos Limpias pediu á Fiscalía xeral do Estado que ilegalice esta plataforma soberanista que pula pola independencia de Catalunya. 

ANC
photo_camera [Imaxe Assemblea Nacional Catalana]

Manos Limpias pide a ilegalización da Assemblea Nacional Catalana perante a Fiscalía xeral do estado. Así mesmo, a organización denunciou a presidenta da ANC, Carmen Forcarell, á que acusan de "asociación ilícita, proposición á secesión e malversación de fondos públicos". 

A denuncia presentada pola organización ultra-dereitista prodúcese após encetar unha campaña mediática contraria á Assemblea Nacional Catalana (ANC). Neste senso, a pasada semana o diario madrileño El País acusaba o movemento cidadán dun "golpe de man á democracia representantiva". O xornal apuntaba directamente contra a ANC como motor do movemento soberanista catalán, nun momento en que os inquéritos apuntan un notábel incremento dos apoios á independencia. 

O ex-director de La Vanguardia asegurou nunha emisora de radio catalá que o Ministerio de Xustiza estaría a estudar unha posíbel ilegalización da ANC

A pasada semana, o ex-director de La Vanguardia, José Antich, asegurou nunha emisora de radio catalá (RAC-1) que o Ministerio de Xustiza estaría a estudar unha posíbel ilegalización da ANC após coñeceren a folla de rota deseñada pola plataforma perante unha hipotética prohibición do referendo de autodeterminación convocado polo Govern de Catalunya para o 9 de novembro. 

Nos últimos días, a ANC defendeu a ponencia que será, agás mudanzas de última hora, aprobada na súa Asemblea Xeral o 5 de abril, e na que visan a proclamación da independencia de Catalunya o 23 de abril de 2015. 

Desde a Assemblea, a súa presidente, Carmen Forcarell, lembrou que a entidade actúa sempre movida por "medios pacíficos e democráticos" e acusa aos poderes fácticos de estaren a desenvolver unha campaña de "terxiversación" informativa. 

O músculo do proceso soberanista

Desde 2009 a Assemblea Nacional Catalana desenvolve unha intensa campaña a prol da independencia de Catalunya. Ao longo destes anos converteuse no reflexo dun músculo social cada vez maior a prol do dereito de autodeterminación do pobo catalán.

Recentemente foi a entidade organizadora das masivas mobilizacións decorridas con motivo da Diada e que sacaron á rúa millóns de persoas en defensa do dereito a decidir. Na actualidade, centran as súas accións na recollida de apoios á consulta do 9 de novembro, unha campaña que está a colleitar numerosas sinaturas entre a poboación catalá. 

Máis en Països Catalans
Comentarios