O Parlament de Catalunya aproba iniciar o proceso de desconexión con España

Junts pel Si e a CUP (72 escanos) apoiaron a declaración independentista, que foi rexeitada por PP, PSC, Ciutadans e Catalunya si que es pot (63 deputad@s).

Parlament Catalunya Cup Anna Gabriel
photo_camera Imaxe: Nació Digital

O Parlament de Catalunya aprobou esta segunda feira o inicio da ruptura co Estado español. Fíxoo aprobando unha declaración independentista pactada por Junts pel Si e a CUP, que suman maioría absoluta na Cámara, 72 escanos. O resto das formacións uníronse no Non' a esta proposta, desde PP e Ciutadans até Catalunya si que es Pot e PSC. A declaración non se votou de forma conxunta, mais ponto a ponto. Ao final da mesma, as e os deputados independentistas aplaudiron en pé mentres que desde as bancadas do PP se despregaban bandeiras catalás e españolas.

Posteriormente procedeuse a votar a declaración alternativa presentada por CSQEP, que pedía un referendo consultivo. Só tivo os votos a favor deste grupo parlamentar. A CUP abstívose e o resto votou en contra.

Debate

Raúl Romeva, cabeza de lista de JxS, foi o primeiro en intervir no debate, para defender o texto a debate. Romeva asegurou que o movemento independentista non se vai deter por “tribunais e artillaría legalista”. Afirmou que estabamos perante “un antes e un despois” e defendeu a independencia como un camiño para garantir “os dereitos” das persoas e para que a xente “viva mellor”.

De por parte, Anna Gabriel, voceira parlamentar do CUP, definiu a declaración como un acto ‘íntegro de soberanía, democracia, dignidade e ruptura” fronte á “imposición españolista e o fundamentalismo constitucionalista, a legalidade feita búnker’.

Joan Coscubiela, de Catalunya si que es pot, rexeitou apoiar a declaración por se basear, dixo, no “auto-engano”. Referiuse en varias ocasións ao texto de JpS e a CUP como unha “declaración de insurxencia”. PP, Ciutadans e PSC insistiron na defensa da “legalidade constitucional”.

Interior tomarías as competencias sobre os Mossos

O Goberno español baralla tomar o control dos Mossos e cortar a liquidez a Catalunya, segundo 'El Mundo'. O rotativo español afirma, ademais, que Fiscalía e Avogacía do Estado recorrerán pola vía penal contra os responsábeis directos da “desobediencia a España”.

A suspensión dos envíos do Fondo de Liquidez a Catalunya sería unha das primeiras medidas a adoptar no caso de que o goberno catalán implemente un programa de desconexión con España. Unha medida acompañada doutras, como a de retirar á Generalitat a competencia en eidos como o da policía (Mossos d'Esquadra), que pasaría a depender do Ministerio do Interior. Este departamento posúe un informe, di 'El Mundo', no que afirma que apenas 300 dos 17.000 mossos son independentistas. Mais non explica como sabe iso Interior, se a través dunha enquisa ou ben da espionaxe e control da vida persoal dos axentes.

Recurso de inconstitucionalidade

O presidente do goberno español, Mariano Rajoy, compareceu en Béjar (Salamanca) para facer unha declaración institucional na que anunciou que acababa de asinar a solicitude de ditame ao Consello de Estado para iniciar o recurso de inconstitucionalidade perante o Tribunal Constitucional (TC) contra a declaración independentista.

Rajoy anunciou que a partir desta solicitude o informe deberá de se emitir nun prazo de 24 horas e será esta terza feira cando se eleve ao Consello de Ministros a solicitude de recurso. Confirmou o presidente que o recurso incluirá a petición de suspensión da iniciativa aprobada no Parlament. Tamén confirmou que manterá un encontro esta terza feira con Pedro Sánchez, líder do PSOE. Sánchez, de por parte, considera a declaración unha “violación da democracia” e deu o apoio total do partido ao goberno para facer fronte ao independentismo.

Ameaza de expulsión de CSQEP se non votaba contra a independencia

Joan Giner, deputado de Catalunya si que es pot no Parlament, afirma que a formación o obrigou a votar 'non' á declaración independentista. O parlamentar era partidario de se abster, pois partillaba algúns dos pontos da resolución, mais non puido facelo. No seu blog, Giner asegura que se lle negou a liberdade de voto. “O presidente e o portavoz parlamentar informáronme que o incumprimento da disciplina de voto implicaría que me botasen do grupo”. O deputado lamenta que non houbese ningún debate interno en Podemos e CSQEP sobre a resolución. “Recibín presións da dirección estatal de Podemos”.

Máis en Països Catalans
Comentarios