AS ELECCIóNS MáIS DECISIVAS DO PRINCIPAT, COA INDEPENDENCIA NO HORIZONTE

Os ollos do mundo, pendentes de Catalunya

Máis de 5,5 millóns de persoas están chamados ás urnas este domingo nas eleccións catalás, uns comicios que, en función dos resultados, poderían mudar de maneira definitiva a política catalá, estatal e mesmo europea.

formacions-politiques (1)
photo_camera formacions-politiques (1)

Millóns de ollos procedentes de diferentes países ao longo do mundo están fixados hoxe en Catalunya. E é que as eleccións catalás convocadas para hoxe poderían mudar o panorama político se as candidaturas independentistas acadasen, aínda que de maneira axustada, a vitoria do bloque soberanista que prognostican as últimas enquisas. A incógnita estará no número de votos que recolla cada candidatura.

A vitoria indubidábel dos partidarios da independencia situaríase na maioría absoluta, marcada nos 68 escanos. De todas as publicadas, tan só existe unha enquisa, a de La Razón, que apunta a que Junts Pel Si e mais a CUP non acadarían a maioría absoluta.

Tras os mitins de peche de campaña multitudinarios tanto de Junts Pel Si como da CUP e da participación de Nicolás Sarkozy con Mariano Rajoy no mitin do PP, a xornada de reflexión estivo marcada polos actos da CUP fóra de Cataluña e polos berros a favor da independencia no partido do Barça no Camp Nou. Como en cada partido que se xoga no estadio barcelonés, no minuto 17.14 berrouse onte “independencia”, mais a diferenza doutros partidos, no encontro que disputaron Barça e Las Palmas os cánticos soaron máis fortes que de costume.

As cifras da cita electoral

Un total de 5.510.798 cataláns e catalás están convocados ás urnas para elixir os 135 parlamentares que formarán parte do Parlament na súa XI lexislatura. Trátase de 96.930 persoas máis que na cita electoral do 25 de novembro de 2012.

Elixiranse un total de 85 parlamentares por Barcelona; 18, por Tarragona; 17, por Girona; e 15, por Lleida.

Preséntanse un total de 40 candidaturas.

Recibíronse 107.421 solicitudes de voto por correo, cando en 2012 as solicitudes eran de 63.142. Este aumento do 62,5% fai pensar nun incremento importante da participación nos comicios.

En canto aos colexios electorais, haberá 2.681 centros, con 8.181 mesas, que xa abriron desde as 9h e estarán abertos até as 20h, hora á que comezará o reconto das papeletas.

Perto de 600 profesionais de 128 medios están acreditados e acreditadas para seguir a xornada electoral. Deles, perto de 200 son de fóra do Estado español.

O dispositivo de seguridade do 27-S fórmano 4.519 mossos d’esquadra e 1.703 efectivos da policía local. Ademais, haberá uns 900 antidisturbios da policía española.

Máis en Països Catalans
Comentarios