O PSC afonda no federalismo como estratexia fronte ao avanzo soberanista

Após sancionar @s deputad@s que decidiron non votar contra a Declaración de Soberanía, a dirección do PSC propón unha reforma estatutaria cara á un "Estado español federal".
Jaume Collboni, portavoz PSC
photo_camera Jaume Collboni, portavoz PSC

O debate e aprobación da Declaración de Soberanía no Parlament catalán deixou ver os posicionamentos políticos das distintas forzas que compoñen a Cámara. Fronte ao avanzo soberanista, o PSC recunca na defensa dun "Estado español federal" como estratexia unionista. As fendas abertas no seo da formación e a aproximación da dirección federal do partido en Catalunya aos postulados de Madrid, deixan ver que o federalismo defendido e pregoado polo PSOE submete o dereito a decidir do pobo catalán á vontade do centro do Estado.

Rubalcaba: "O resto de España nunca vai a aceptar que unha parte decida sobre algo que afecta ao todo"

As verbas do líder socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba en que aseguraba que "o resto de España nunca vai a aceptar que unha parte decida sobre algo que afecta ao todo, e o PSOE tampouco", explicaban con clareza que @s socialistas --en Madrid e Catalunya-- non apostan polo dereito á autodeterminación catalá, senón máis ben por unha posíbel modificación do status catalán suxeita, en todo o caso, ao marco constitucional español e ás concesións que o Estado estea disposto a facer. Porén, o ditame do Tribunal Constitucional a respecto do Estatut catalán en 2010 patentizou que esta vía fica esgotada.

Divisións internas abren unha fenda no PSC

A executiva do PSC sancionou os deputados e deputadas que non quixeron votar en contra da Declaración de Soberanía no Parlament de Catalunya. En declaracións á televisión publica catalá, Pere Navarro, secretario xeral do PSC, aseguraba que a desobediencia no Pleno "cargábase o dereito a decicir do PSC" mais negaba calquera outra decisión drástica no seu partido. Polos últimos acontecementos semella que ningunha das dúas partes ten intención de mudar de opinión cando faltan poucos día para que se celebre o Consello Nacional, o vindeiro 2 de febreiro.

As contas de twitter dest@s cinco deputad@s recibiron estes días moitas mensaxes de apoio. Na súa defensa, a deputada Rocío Martínez dicía "basta! Q se o tema é a independencia, non o paro. Que se é o paro, non a independencia. Os problemas son todos, e máis. Falamos de solucións". Outra das deputadas que non votaron o outro día no Pleno aseguraba nesta rede social que "os socialistas, o PSC, temos unha responsabilidade histórica na nova transición: construír un novo Pacto de Abril, como o 1977".

A decisión de romper a disciplina de voto d@s cindo deputad@s na votación do outro día para aprobar a Declaración de Soberanía non a rexeita todo o partido. Un grupo de militantes asinou un manifesto de apoio no que expresan a súa "grande preocupación por esta nova deriva da actual directiva do PSC" e din dar o seu apoio "aos deputados e deputadas que souberon manter as posicións que corresponden a un PSC coherente co seu pasado e cunha vontade irrenunciábel de futuro".

Agora, co debate a piques de esnaquizar o PSC, o partido de Pere Navarro procura "pasar páxina" e "reorientar o proxecto político" cara a idea federalista

Outro manifesto, avalado pola dirección do PSC, celebra a decisión de Pere Navarro e solicitan que se "peche a ferida" para evitar que se "rompa o partido". No texto aseguran querer "un partido reinventado. Queremos un partido valente e que fale claro. Queremos un partido forte e aberto ao mesmo tempo, vivo, plural, integrador, coherente, próximo, vibrante de debate" e achegar a idea de aproveitar o 35º aniversario do acordo entre PSC e PSOE para "relanzar o partido".

Máis en Països Catalans
Comentarios