O debate soberanista provoca a primeira ruptura entre o PSC e o PSOE no Congreso no que vai de democracia

Por vez primeira un grupo parlamentar rachará coa disciplina de voto no Congreso d@s deputad@s. O PSC desmárcase de Ferraz e votará a favor dunha resolución a prol do dereito a decidir de Catalunya. "As posicións están claras", advertiu Francesc Vallés, coordinador do PSC nas Cortes españolas. Alfredo Pérez Rubalcaba desbota, a priori a ruptura, mais ameaza con revisar "o marco de relacións" entre os dous partidos.
Cartaz de campaña do PSC nas eleccións do #25N
photo_camera Cartaz de campaña do PSC nas eleccións do #25N

As tensións entre o PSOE e o PSC en Catalunya extrémanse. As 14 persoas do PSC que se integran no grupo parlamentar socialista anunciaron que racharían coa disciplina de voto e que votarían a favor das resolucións presentadas por CiU e ICV a prol da convocatoria dun referendo de autodeterminación negociado con Madrid. Non así coa presentada por ERC que vai para alén diso e insta ao Goberno de Mariano Rajoy a autorizar "todos os referendos que soliciten as comunidades autónomas e corporacións municipais".

Pere Navarro asegura que @s 14 deputad@s cataláns votarán a favor das resolucións presentadas por CiU e ICV

As diferenzas entre Rubalcaba e Navarro son claras e notorias desde hai un tempo, malia os bandazos d@s cataláns. Neste senso, após rexeitaren a Declaración de Soberanía aprobada polo Parlament o pasado 23 de xaneiro --conxuntamente con PPC e C's-- o seu secretario xeral, Pere Navarro afirmaba que perante as propostas de resolución que se debaterán e votarán esta terza feira "está en xogo" a "coherencia" do propio PSC e do "dereito a decidir" do pobo catalán. A mudanza nos posicionamentos defendidos desde a federación socialista --que sancionou @s cinco deputad@s que saíron da votación no Parlament como mostra de rexeitamento ao voto desfavorábel que se lles exixía-- Navarro bota un pulso á dirección do partido e asegura que a mudanza no seu posicionamente débese a que "agora si" se demanda o diálogo entre os gobernos para facer a consulta.

Madrid afirma que revisará o "marco de relacións" co PSC de se producir a ruptura da disciplina de voto

As posibilidades de ruptura son maiores que en ningún outro momento. Segundo afirma a prensa catalá, o PSOE recoñece ter un "marron" no que é sen dúbida a maior crise interna dos últimos anos, pois após as negociacións desenvolvidas a pasada segunda feira, @s 14 deputad@s cataláns manteñen a súa postura en firme e confirmaron que racharán coa disciplina de voto. Cuestión que lles podería valer a expulsión da executiva da formación --segundo asegurou o Toni Bolaño, ex-xefe de comunicación do president Montilla. No entanto, a dirección socialista procurou quitar ferro ao asunto afirmando que o posicionamento d@s deputad@s cataláns "é a constatación dunha discrepancia de fondo coñecida". Neste senso, o líder do PSOE asegurou esta terza feira que Madrid revisará "o marco de relacións" co PSC, malia a que algúns outros dirixentes do partido chegaron a asegurar que "foi fermoso mentres durou" apelando a unha posíbel ruptura. 

Porén, a sombra esténdese sobre algunhas das persoas que foron eleitas por cincunscricións catalás, mais que actuaron polo xeral de acordo cos ditados de Madrid. Neste senso, Carme Chacón --que mesmo loitou pola presidencia da formación española-- deberá determinar cal será o seu voto. Malia a que Pere Navarro asegura que tod@s @s parlamentares do PSC votarán a favor, o certo é que a catalá defendeu desde o comezo os postulados de Rubalcaba e posicionouse en contra da convocatoria dun referendo pola autodeterminación que non respectase os límites constitucionais. Rexeitando de maneira moi clara e rotunda en sonadas cabeceiras españolas calquera posibilidade que achegase a Catalunya á independencia por moito que o PSC (que formalmente é un partido soberano, non unha federación do PSOE) asegura, agora, que a cidadanía ten "o dereito e a necesidade de expresárense" a respeito do futuro do pobo catalán.

Máis en Països Catalans
Comentarios