PSC apoia a consulta e deixa ao PPC e Ciutadans en minoría

A proposta que levou CiU ao Congreso apróbase agora na cámara catalá por 104 votos a favor, 27 en contra e 3 abstencións. O PSC súmase á maioría da cámara que defende a realización dunha consulta e deixa sós a C's e PP.
Pleno Parlament Catalunya
photo_camera Pleno Parlament Catalunya

O PSC súmase á maioría do Parlament de Catalunya e entra na liña democrática de que sexan as institucións as que cumpran co mandato do pobo. A resolución aprobouse cos votos a favor d@s socialistas, CiU, ERC, ICV-EUiA e a “abstención incrédula” de CUP. En contra quedaron en solitario PPC e Ciutadans.

A proposta de resolución presentada polo PSC coincidía coa presentada hai uns días por CiU no Congreso. Daquela causara un grande debate no socialismo catalán, coa ruptura da disciplina de voto e o afastamento da propia Carme Chacón do seu propio partido. No texto afírmase que “o Parlament de Catalunya insta ao Govern da Generalitat a iniciar un diálogo co Goberno do Estado, para posibilitar a celebración dunha consulta á cidadanía catalá para decidir sobre o seu futuro”.

Pere Navarro, primeiro secretario do PSC, presentou a resolución comparándoa con outras de Canadá e Reino Unido, “e máis sensata que a de CiU e ERC”. Reivindicou que o seu partido foi “o que máis arriscou” neste proceso e solicitou “unha negociación de verdade”. Explicou que a proposta procura “un referendo no que cada partido defenda a súa postura” e no que “gañarán os cidadáns, sexa cal sexa o resultado” .

Apoio de ERC. CiU e ICV-EUiA

As tres formacións políticas que apoiaron a Declaración de Soberanía aprobada polo Parlament o pasado 23 de xaneiro deron o seu apoio á resolución do PSC. Todas lembraron que o texto aprobado daquela falaba de diálogo co goberno español para a celebración dun referendo sobre o futuro de Catalunya.

“Votaremos as veces que faga falta”, sinalou Marta Rovira (ERC), “mais para que exista diálogo ten que haber unha vontade polas dúas partes, non só depende de nós”. Rovira preguntou a Pere Navarro sobre cal será a súa posición cando o goberno español “negue ese diálogo”.

Jordi Turull, por parte de CiU, alegrouse da “ampliación da base da Declaración de Soberanía” e d que sempre “se impoña a democracia e a vontade popular”. Lembrou que por parte do Estado español “ofrécese medo e ameazas, primeiro prohibindo preguntar e ahora prohibindo opinar”.

Para o voceiro de ICV-EUiA, Joan Herrera, a proposta do PSC é “unha boa nova para o país”. Sinalou que o debate “ten que estar no Parlament e liderado pola sociedade civil”. Segundo Herrera o problema de fondo é de “cultura democrática”. Afirmou que “a democracia é quen ordena os marcos legais e non ao revés”.

O “gosto agridoce” da CUP

Para a CUP a proposta do PSC ten un “gosto agridoce”. Quim Arrufat, deputado independentista por esta formación, indicou que “o doce é por presentaren esta resolución e o amargo ten que ver polo naïf da mesma ou por ser unha proposta trampa”. No debate da proposta CUP alegrouse de que o PSC “deixara aos Bono e Ibarra” e explicou a súa postura de abstención e non de votar a favor. “Pasamos dun sí crítico á Declaración de Soberanía a unha abstención incrédula” nun contexto que podería ser “un paso atrás”.

Arrufat explicou no Parlament que a proposta do PSC “xa estaba” na Declaración que se aprobou no seu momento polo que é “marear a perdiz”. Insistiu en que “ou hai consulta ou será o maior fraude desta democracia”. Por este motivo a CUP decidiu “por conciencia e por principios absterse”.

PPC e Ciutadans en minoría

O deputado Santi Rodríguez (PPC) atacou a proposta socialista á que denominou “tola carreira separatista” e acusou a Pere Navarro de “poñer o seu gran de area no proceso independentista” de Catalunya. Rodríguez argumentou que “non é o momento agora de falar deste tema cando a sociedade ten outras inquedanzas” e sinalou que a defensa dunha consulta “é algo deshonesto porque non se pode cumprir o seu obxectivo”.

Ciutadans, a través do seu voceiro Albert Rivera, repetiu o argumento d@s populares de que “a cidadanía son o paro, a corrupción e a clase política e non procesos separatistas”. Rexeitou a resolución presentada polo PSC por ser “un instrumento para a independencia” e entrou no debate con ERC no significado da idea de democracia, “sen saltarse as leis”


.

Máis en Països Catalans
Comentarios