5 deputad@s do PSC non votaron, a CUP emitiu un voto positivo e dúas abstencións e o PP abandonou o Pleno

Os votos favorabeis foron 85, diante dos 41 en contra e 2 abstencións. Cinco deputad@s do PSC racharon coa disciplina de voto. O grupo do PP abandonou o Pleno após a votación.
ERC
photo_camera Intervención de ERC no Pleno


O Pleno do Parlament de Catalunya aprobou a Declaración de Soberanía por 85 votos a favor, 41 en contra e 2 abstencións. Após un intenso debate entre os diferentes grupos a votación resultou favorábel ao texto presentado por CiU e ERC coas emendas posteriores que aprobaron ICV. O partido de Alícia Sánchez-Camacho abandonou o Salón de Plenos após da votación como sinal de protesta. A CUP realizou un voto a favor e dúas abstencións.

As intervencións dos diferentes grupos deixou en evidencia o común rexeitamento ao texto por parte de PSC, PPC e C's. Alicia Sánchez-Camacho (PPC) e Albert Rivera (C's) deron a benvida ao PSC de Pere Navarro "ao seu bando", unha afirmación que non sentou nada ben entre @s deputad@s socialistas. "Queremos seguir unidos (a España), o noso proxecto é o federalismo, non o inmobilista do PP", aseguraba Navarro na súa intervención na procura de suavizar o sentido do voto da súa formación. PPC e C's acusaron a Mas de "declarar a independencia" e o portavoz de C's chegou a afirmar que o Pleno de hoxe era "teatro".

Sánchez-Camacho (PPC) e Rivera (C's) deron a benvida ao PSC "ao seu bando", unha afirmación que non sentou nada ben entre @s deputad@s socialistas

ERC e ICV xustificaron o seu voto favorábel para "dar voz ao pobo" e "á democracia". Junqueras asegurou que "máis da metade de Estados que hoxe existen xa deron este paso democrático" que non quere convencer para que se fagan independentistas senón "para que os cataláns teñan o dereito a decidir". Joan Herrera asegurou que o catalanismo "sempre quixo avanzar coa constitución e a resposta foi o silenzo" polo que "optamos por unha consulta, non un plebiscito".

A CUP reiterou o seu "apoio crítico" á Declaración presentada por CiU e ERC, entre outros motivos "por discrepar da estratexia en exclusiva a dúas bandas". Quim Arrufat, deputado desta formación, sinalou que "ninguén explicou a estratexia completa que comezou mal, vecellando o goberno á consulta" e que "comeza coa renuncia ao marco dos Països Catalans e unha confianza que nós non temos na UE"

Máis en Països Catalans
Comentarios