Torres Dulce enceta a vía para destituír o fiscal catalán por defender o dereito a decidir

Eduardo Torres-Dulce, fiscal xeral do Estado, anuncia que iniciará o procedemento para destituír o fiscal superior de Catalunya, Martín Rodríguez Sol, após posicionarse a favor da consulta pola independencia. Torres-Dulce, como todos os fiscais xerais do Estado, foi nomeado polo Goberno.

O fiscal xeral do Estado vén de abrir un expediente a Rodríguez Sol logo de que este asegurase que a consulta soberanista que pretende desenvolver a Generalitat é "lexítima". Neste senso, Torres-Dulce adiantou que iniciará o procedemento encamiñado a destituír o fiscal superior de Catalunya para o que reunirá ao Consello Fiscal. 

Nunha entrevista concedida á axencia de noticias Europa Press, Rodríguez Sol afirmaba que o referendo pola independencia era lexítimo habida conta que "ao pobo debe dárselle a posibilidade de expresar a súa vontade". Aliás, asegurou que perante a negativa de Madrid sería preciso procurar novas vías que permitisen a Catalunya decidir sobre o seu futuro político, entre elas, unha lei de consultas malia a recoñecer que esa competencia, até o momento, é exclusiva da administración española.

Porén, após as súas declaracións o fiscal superior de Catalunya procurou rebaixar o ton das súas aseveracións e matizou que "respecta e acata" o actual marco normativo. 

Máis en Països Catalans
Comentarios