Barómetro da Generalitat: ERC primeira forza e a independencia como opción preferida polos cataláns

Esquerra tería entre 37 e 39 deputad@s por 36 de CiU. Ciutadands pasaría ser terceira forza, desprazando ao PSC. As CUP, na liña de sondaxes anteriores, duplicaría representación. A sondaxe sitúa aos partidarios da independencia nun 54,7%.

Manifestación pola independencia en Catalunya
photo_camera Manifestación pola independencia en Catalunya

O proceso soberanista foi quen, entre outras moitas cousas, de xerar un terremoto no mapa político do nacionalismo catalán. O nacionalismo de corte conservador, desprazado polo independentismo alicerzado na esquerda. Xa non é CiU quen pode sacar peito e falar que eles son a nación catalá. Unha nova enquisa (e xa van varias nestes meses) consolida a ERC como a forza máis votada de se realizar agora eleccións.

Segundo a sondaxe de intención de voto do Centro de Estudos de Opinión (CEO), coñecido como o CIS catalá, Esquerra tería entre 37 e 39 deputados, mentres que Ciu obtería de 34 a 36. Ciutadans tería unha suba espectacular e pasaría ser terceira foza con entre 15 e 17 parlamentari@s, relegando o PSC a cuarta posición (14/16). O PP moveríase entre os 13 e 14 representantes no Parlament. E as CUP pasarían dos seus actuais 3 deputados a ter entre 6 e 7.

O independentismo, maioritario

Na sondaxe tamén se pregunta sobre cal sería o seu voto nun referendo pola independencia. O resultado non deixa lugar a dúbidas: o 54,7% a prol da independencia, un 22,1% en contra e un 15,7% absteríase. Case un 5 por cento di non saber o que votaría.

O barómetro tamén inquire aos e ás enquisadas sobre a relación que gostarían que Catalunya debería ter co Estado español. Un 48,5% desexaría unha Catalunya independente mentres un 21,3% aposta por un estado federal, un 18,5% quere Catalunya como comunidade autónoma dentro do Estado español e un 5,4% é partidario de que Catalunya sexa unha rexión española.


 

Máis en Països Catalans
Comentarios