Mas propón o lema da 'Diada' como pregunta para o referendo

O Presidente da Generalitat dá como posíbel pregunta para a consulta pola autodeterminación a mesma que propuxo a ANC na manifestación do 11 de setembro. Foi nunha entrevista que publica hoxe La Vanguardia.
Artur Mas
photo_camera Artur Mas

“Vostede desexa que Catalunya se converta nun novo Estado da UE?". Esta é a proposta de pregunta que Artur Mas propón para a consulta popular pola autodeterminación que aprobou realizar na vindeira lexislatura o Parlamento catalá. Foi nunha entrevista que publica hoxe La Vanguardia e na que fala, ademais, de como se levaría a cabo o referendo, da relación co Estado español e a UE, de economía e de lingua.

A proposta de Mas é “persoal” e asegura que a definitiva ten que saír da maioría parlamentaria. “Debemos asegurar que exista unha maioría social forte ao redor da pregunta”, sinala, “consultar á UE e á comunidade internacional”.

Diante a negativa do goberno español a calquera proposta que non sexa “constitucional”, polo tanto fóra da lei española, Mas asegura que “en catro anos haberá, si ou si, unha consulta no pobo catalán” contando coa lexislación catalá actual ou coa lei que aprobarán “en poucos meses” no propio Parlamento no caso de que “falle a vía estatal”.

Sobre as relacións co Estado español despois de que Catalunya acade a independencia, o Presidente da Generalitat agarda que sexan “boas”. Rexeita o termo “ruptura” e asegura que “despois dun proceso así Catalunya estará na UE xunto co Estado español”

Mas asegura que “en catro anos haberá, si ou si, unha consulta no pobo catalán” contando coa lexislación catalá actual ou coa lei que aprobarán “en poucos meses”

Pagar nóminas e pensións
A cuestión económica nunha Catalunya soberana é importante para Mas. “Penso que España, con rescate ou sen el, aínda que seguramente será con rescate, sairá adiante e poderánse atender os pagos. Algo distinto sería que o Estado español empregara os pagos e a tesourería como unha arma para desestabilizar este proceso democrático en Catalunya”.

Coa independencia o futuro Estado catalán tería a obriga de continuar cos compromisos sociais adquiridos con anterioridade. Sobre un deles, o das pensións, Mas asegura que “non pasará nada, porque se seguirán pagando en calquera caso”.

O Presidente da Generalitat considera que o movemento que hai en Catalunya a prol da independencia “non é só un movemento económico” posto que “Hai una mestura de sentimentos, de ilusións, de proxecto, de carencias e de intereses”.

A decisión de CiU
Porque CiU tomou a dirección de apoiar o proceso independentista? “Había outra alternativa: seguir autoenganándonos. Pensando que sendo bos rapaces, o Estado español nós escoitará e rematará recoñecendo a realidade catalá...” Mas realiza esta autocrítica e lembra que o cambio de mentalidade produciuse ese onde de setembro “despois de 30 anos de confiar que unha España integrada na UE sería amábel e comprensiva co feito catalán”.

Imaxe: CiU

Máis en Països Catalans
Comentarios