Mas avanza que a Generalitat estuda "accións legais" contra o Goberno español

O president de Catalunya asegura que Madrid incorre nun "abuso de poder e de dereito" recorrendo por segunda vez a consulta do 9-N.

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

Artur Mas compareceu esta sexta feira (31 de novembro) perante os medios de comuncación para valorar o recurso que presentou --por segunda vez-- o goberno español contra a consulta cidadá do 9 de Novembro. 

O president avanzou que o Govern da Generalitat estudará iniciar "accións legais" perante o que consideran un "abuso de poder e de dereito" por parte de Madrid. Aliás, Mas asegurou que os preparativos do 9 de Novembro están practicamente rematados e garante que a xornada de votación decorrerá malia as ameazas e recursos do executivo de Mariano Rajoy. 

"Queren prohibir unha cousa que non se está a facer", sinalou Mas

"Queren prohibir unha cousa que non se está a facer", sinalou Mas en comparecencia de imprensa a respeito do recurso de inconstitucionalidade. Para o president da Generalitat a decisión do goberno español quere "amagar a súa incapacidade" para xerir politicamente o conflito con Catalunya e, para iso, "usan o Tribunal Constitucional de maneira impropia". 

Unha mensaxe de "civismo" e "democracia"

Neste senso, afirmou que o Estado español "quebrou a liña do ridículo" coa súa actitude pois após "ridiculizar" a convocatoria alternativa ao referendo de autodeterminación inicial "recorre" de novo un instrumento xurídico que "non se está a aplicar". Asemade subliñou a "hipocrisía" coa que actúa Madrid por subliñar que "non hai garantías democráticas" nestoutra convocatoria. "Nós queremos esas garantías mais non nos deixan facelo", acrecentou. 

Artur Mas arengou a cidadanía catalá a enviar o 9 de Novembro "unha mensaxe clara, nídica e potente de civismo e democracia" fronte quen non quere que esta se pronuncie a respeito da independencia. 

Máis en Països Catalans
Comentarios