Països Catalans

Mas anuncia que convocará a consulta "de forma que ao Estado español lle custe moito impedila"

Mas anuncia que convocará a consulta "de forma que ao Estado español lle custe moito impedila"

Novos movimentos no taboleiro político catalán. Mentres destacados dirixentes da ala catalanista do PSC, entre eles o histórico Joaquim Nadal, se daban de baixa dos seus cargos, Mas reiteraba a aposta do seu goberno na consulta do 9-N.

mas
photo_camera Foto: Vilaweb.Com

Moitos analistas da política catalá achan que a demisión de Joaquim Nadal representa a acta de defunción do PSC como partido catalanista. A súa renuncia vense sumar á marcha meses atrás de Ernest Maragall, o ex conselleiro do PSC no tripartit que agora irá de número 2 na candidatura de ERC a Bruxelas.

A demisión de dirixentes do sector catalanista do PSC de Girona reforza as expectativas eleitorais de ERC, que visa converterse no polo hexemónico non só do nacionalismo, mais tamén da esquerda, embora sexa moderada, en Catalunya.

Catalunya alcanzará os seus obxectivos sempre e cando haxa por parte do pobo catalán "capacidade de resistencia"

Ao tempo en que se producía esta nova convulsión no PSC -cada día máis españolizado nos seus cadros de dirección-, Artur Mas concedía unha entrevista a Punt Avui TV para reiterar a súa vontade de convocar unha consulta autodeterminista.

"Convocarei a consulta de tal maneira que ao Estado español lle custe moito presentar un recurso ou impedila. Non me faga dicer como, pero lles resultará moi difícil", dixo Mas sobre o referendo axendado para o 9 de Novembro.

Mas avanzou que o Parlament aprobaría unha lei de consultas que o Govern deseñará de forma que estexa o máis blindada posíbel perante calquer tipo de actuación xudicial por parte do Estado.

O líder nacionalista cre que Catalunya alcanzará os seus obxectivos sempre e cando haxa por parte do pobo catalán "capacidade de resistencia, vontade maioritaria e espírito rigorosamente pacífico e democrático".

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

Máis en Països Catalans
comentarios