Máis de 450 mil persoas inscritas para o 'V' da Diada

A ANC afirma que fican xa poucos espazos por encher para conformar unha senyera xigante que unirá as rúas Diagonal e Gran Vía de Barcelona.

Como faran a V
photo_camera [Infografía ANC]

A dous días de se celebrar a Diada, a Assemblea Nacional Catalana ultima os preparativos da acción que organizan con motivo do Día nacional de Catalunya e que leva por lema 'Ara és l'hora' (Agora é a hora).

Desta volta, a ANC convoca o pobo catalán a conformar unha 'V' xigante nas rúas Diagonal e Gran Via e anunciou que xa suman máis de 450.000 as persoas inscritas. Segundo informan no seu sitio web máis do 50% dos tramos en que se dividen as rúas están cheos e só o 1,4% conta con "pouca" xente. Neste senso, desde a ANC animan a todas as persoas que queiran facer parte da 'V' que se inscriban en aras de facilitar a organización. 

E é que @s asistentes formarán unha senyera xigante para o que será preciso definir con minuciosidade as cores que portarán cada unha das nove ringleiras que contén a bandeira catalá. Con camisolas feitas para a ocasión a multitude encherá de cor as dúas principais vías da cidade condal para reclamaren o dereito a decidir do pobo catalán o vindeiro 9 de novembro. 

Este 11 de setembro adquire un importante valor simbólico para @s catalás pois queren facer deta mobilización "a máis grande de Europa", sinalou Carme Forcadell, presidenta da ANC. E queren que así sexa para que esta Diada se torne a "definitiva", explicou, antes da consulta independentista. 

Imaxe capa: renArt.

Máis en Països Catalans
Comentarios