A maioría d@s deputad@s de Unió votará Si-Si o 9 de novembro

Nove d@s 14 parlamentares da formación demo-cristiana apoiarán a independencia na consulta alternativa. Unha enquisa do CEO di que o Si-Si obtería o 49,5% dos votos. E que nunhas eleccións parlamentares ERC sería a máis votada.

Unió UDC catalunya

Unió Democràtica de Catalunya (UDC), o socio minoritario de CiU e no que algúns sectores vían o elo máis feble da cadea soberanista, tamén está maioritariamente pola independencia. Polo menos no que á súa representación parlamentar se refire. Segundo informa Nació Digital, 9 d@s 14 deputad@s demo-cristianos votarán na consulta do 9N pola fórmula Si-Si. Entre elas, a presidenta do Parlament de Catalunya, Núria de Gispert.

No Consell Nacional extra-ordinario que UDC realizou hai varias semanas aprobouse un documento a respecto da consulta no que se estipulaba que Unió apoiaba o Si na primeira pregunta e daba liberdade de voto na segunda. As voces que optan polo Si tamén no que atinxe a esta segunda cuestión son cada vez máis no seo da UDC.

Enquisa

Se hoxe houber un referendo sobre a independencia de Catalunya o 46,2 por cento votaría a prol desa opción por un 38% que o farían en contra. Un 15,8 por cento escolle a opción de non sabe / non contesta. A enquisa foi feita por Gesop para ‘8aldía’. Entrevistouse a 1.600 persoas maiores de 16 anos.

E outro estudo, este do CEO (Centre d'Estudis d'Opinió) da Generalitat aponta a que o Si-Si tería o 49,6 por cento dos votos. Un 12,6% votaría Si-Non e un 17% escollería Non a ambas cuestións. Nesta sondaxe din que nunhas eventuais eleccións ao Parlamento catalán ERC sería a forza máis votada (38-39 escanos), CiU obtería entre 32 e 33. As CUP aumentarían a 5 deputad@s. Irrumpiría Podemos, con 10-11 deputados, a costa sobre todo do PSC, que caería até 14. O PP pasaría de 19 a 11-13.

Máis en Països Catalans
Comentarios