A GENERALITAT INFORMA DE QUE AS PRIMEIRAS HORAS DE DESENVOLVEN CON NORMALIDADE

9-N: longas fileiras para votar que o Goberno español chama "antidemocráticas"

Os primeiros votos do 9-N emitíronse nos antípodas, en Sidney, nas oficinas da Generalitat. A situación nos primeiros compases deste domingo é confusa, pero xa hai asistencia ás urnas masiva en Catalunya, con longas ringleiras ante os colexios. "Dificultan o futuro", afirman desde Moncloa. 

vota-crop
photo_camera Votacións

A instancias da Fiscalía Xeral do Estado, a Fiscalía de Catalunya ordenou aos Mossos de Esquadra (policía catalá) que identifique os responsábeis da abertura dos locais eleitoriais dispostos pola Generalitat. O fiscal dirixiuse tamén á consellaría de educación do Govern para coñecer se ten cedido as súas instalacións para a consulta (denominada agora "proceso participativo" por parte das autoridades catalás). Porén, así como se abriron os colexios en Catalunya, a asistencia está a ser masiva, con longas ringleiras de espera desde primeira hora. 

Fiscalía quer saber se existen actuacións que podan seren constitutivas de delito após o Tribunal Constitucional ter suspendido a realización de calquer tipo de consulta este 9N en Catalunya.

Homs atribuíu a acción da Fiscalía Xeral do Estado a unha estratexia do Estado español para afastar as cidadás e os cidadáns dos colexios eleitorais

O Govern catalán reaxiu con rapidez emitindo un comunicado en que se atribuíu toda a responsabilidade sobre o dispositivo eleitoral visando exonerar de toda culpa ao exército de voluntarios, por volta de 30 mil, que está previsto participen na consulta.

Mentres, os primeiros votos do 9N xa se emitiron, foron depositados nas xa célebres urnas de cartón no colexio eleitoral disposto polo Generalitat en Sidney, ás 9 horas de Australia, 23.00 horas nos Països Catalans.

O portavoz do Govern, Francesc Homs, atribuíu a acción da Fiscalía Xeral do Estado a unha estratexia do Estado español para semear o medo e afastar as cidadás e os cidadáns dos colexios eleitorais. Mostrou a súa convicción de que esta estratexia está condenada ao fracaso e que este 9N se producirá unha "participación xigantesca e rotunda".

Denuncia

Pola súa parte, UPyD presentou unha denuncia contra o presidente da Generalitat, Artur Mas, e os consellers de Educación e Interior. A formación de Rosa Díez tamén solicitou a actuación das forzas de seguridade para pechar edificios públicos que albergan urnas do 9-N, así como o decomiso do material e a detención d@s voluntari@s no caso de que se lles identifique e se neguen.

A denuncia preséntase por delitos "flagrantes e permanentes" de desobediencia, prevaricación e omisión do deber.

Pola súa parte, o Goberno español asegurou que a votación catalá "é un exercicio antidemocrático e inútil", que ademais "non ten ningún tipo de efecto xurídico". As mesmas fontes de Moncloa dixeron á axencia Europa Press que o comportamento do presidente da Generalitat catalá, Artur Mas, "dificulta moito o futuro".

Máis en Països Catalans
Comentarios