Països Catalans

Madrid pon en marcha o proceso para impugnar a consulta do 9-N

Madrid pon en marcha o proceso para impugnar a consulta do 9-N

Os amagos confírmanse: o Goberno do Estado prepara a impugnación perante o Tribunal Constitucional do "novo" 9-N. O confronto político é inevitábel.

Non parece casual que o Goberno español anunciase hoxe a posta en marcha do proceso que o vai levar a impugnar perante o Tribunal Constitucional a consulta alternativa do 9-N, logo de que a orixinaria xa fora suspendida pola máis alta instancia xudicial do Estado.

En plena treboada política sobre Madrid e sobre o PP a conta da corrupción -coa detención do ex número 2 de Esperanza Aguirre e a expulsión do partido de Rodrigo Rato e demais implicados nas tarxetas black-, nada mellor que desviar a atención do público cara ao "desafío" catalán, deberon interpretar os estrategas da Moncloa, así que a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, anunciou esta tarde que o Goberno pedira un informe ao Consello de Estado, trámite previo á presentación dun recurso perante o TC.

A tese do goberno español é moi xenérica e remitiría a idea de que o Govern está a tentar producir unha "certa fraude de lei"

Caso de finalmente o Goberno ir ao TC, a nova consulta podería ficar suspendida, tal e como foi a primeira.

Aquí, porén, se pode producir un conflito de carácter xurídico, alén do inevitábel confronto político, pois até o de agora o Govern catalán aínda non produciu ningún acto administrativo -ningunha convocatoria formal- en relación coa consulta.

O ministro de Xustiza, Rafael Catalá, informa Vilaweb, si cre ter achado algún flanco vulnerábel na estratexia da Generalitat que sexa susceptíbel de ser atacado xuridicamente. En concreto, as instrucións cursadas aos centros escolares e aos funcionarios.

A tese do goberno español é moi xenérica e remitiría a idea de que o Govern está a tentar producir unha "certa fraude de lei" ao tentar chegar ao mesmo resultado que a consulta orixinaria -isto é, que a xente poda votar- por camiños alternativos.

Máis en Països Catalans
comentarios