Lituania recúa polas presións do Goberno español e di que a independencia de Catalunya é un "asunto doméstico"

A embaixada lituana no Estado español emite un comunicado no que asegura que a independencia catalá é "un asunto doméstico" e deberá ser resolto "respectando a Constitución". A mensaxe chega días despois das declaracións do primeiro ministro a favor do "dereito de autodeterminación"

O Ministerio de Asuntos Exteriores de Lituania fixo público un comunicado esta segunda feira como resposta "ás interpretacións da imprensa española" en relación ás declaracións do primeiro ministro a respeito do proceso de independencia de Catalunya. 

O executivo lituano amosa "a súa preocupación" pola leitura "tendenciosa" e "errónea" que se fixeron das afirmacións deitadas por Algirdas Butkevicius onde aseguraba que recoñecía o "dereito de autodeterminación dos pobos" e, neste senso, cada país debe atopar o seu camiño cara á independencia, de igual maneira que Lituania o fixera.

Porén --aclarar desde a embaixada-- o primeiro ministro on quixo comparar nas súas declaracións a "ocupación soviética" coa situación que está a viver Catalunya co Estado español ao se tratar este último, din, dun "país democrático, membro da UE" e, destacan, "socio próximo" na NATO. Así, o goberno lituano recúa e cualifica o proceso soberanista catalán como un "asunto doméstico de España" que há de resolverse por vías "legais e democráticas" garantindo o respecto á Constitución. 

O gabinete de comunicación fai seus os argumentos empregados polo goberno español e dobrégase ás presións exercidas desde o departamento de relacións internacionais do executivo de Mariano Rajoy --que amosou o seu malestar polos pronunciamentos dos xefes de goberno lituano e letón. 

Segundo apuntan diversos medios de comunicación, a embaixada de Letonia tamén está a preparar unh comunicado público para desdicir as declaracións do seu primeiro ministro en aras de se amosaren partidarios do mantemento de Catalunya no Estado. 

Máis en Països Catalans
Comentarios